DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu director de operacións ofreceu unha conferencia a través do Campus Remoto

O alumnado de Aeroespacial achégase á industria dos nanosatélites da man de Alén Space

A empresa naceu como spin-off da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 25/03/2021

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este mércores pola tarde unha nova sesión do seu ciclo de conferencias Foro Aero a través do Campus Remoto da UVigo. Nesta ocasión, Diego Nodar, director de operacións de Alén Space, falou ao alumnado e profesorado asistente sobre a industria dos nanosatélites. Na súa intervención explicou a experiencia neste sector da súa empresa, nada como spin-off da Universidade de Vigo, e que conta xa cunha experiencia de máis de dez anos en deseño, fabricación e operación de pequenos satélites.

Entre outras cuestións, as e os asistentes puideron achegarse ao potencial que presentan os nanosatélites como alternativa económica de acceso ao sector espacial e algunhas das súas aplicacións, como as comunicacións. Tamén puideron coñecer a participación de Alén Space en CubeSat 3B5GSAT, o primeiro nanosatélite da futura constelación de Sateliot, lanzado o pasado 22 de marzo no Soyuz-2.1a. Este nanosatélite conta cunha carga útil de comunicacións IoT deseñada, fabricada e validada por Alén Space e constitúe o primeiro paso da carreira espacial de Sateliot, que se agarda conte no futuro con cen destes pequenos satélites para proporcionar servizo comercial de Internet das cousas con cobertura 5G en todo o planeta.