DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sete estudantes presentaron este venres as súas curtas neste festival S8 da Coruña

O alumnado de Belas Artes proxecta o seu talento na Mostra de Cinema Periférico

Reúne as obras de seis artistas, entre as que se atopa a tamén docente Anne Heyvaert

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/06/2024

Presentada como “unha cita única para o cine de vangarda”, desde o pasado venres desenvólvese na Coruña á decimo quinta edición do festival (S8) Mostra de Cinema Períferico, que un ano máis volve dedicar unha das súas seccións ás creacións desenvolvidas polo alumnado de Belas Artes. Sete estudantes da facultade pontevedresa presentaron na mañá deste venres na Filmoteca de Galicia unhas curtas que realizaron como traballos académicos, no marco da sección Paraíso deste festival. 

Héctor Pousa, Mayoor Baiju, Eva Lareo, Álvaro Trigo, Fabiola Quintela, María Martelo e Paula Pumares presentaron nesta xornada sete mostras dun “cinema artesanal, intuitivo e experimental”, como sinala a cineasta e profesora da facultade Xisela Franco, responsable de titorizar os traballos presentados nesta sección. Impulsada hai tres anos, Paraíso formúlase nunha sección dirixida a promover o encontro entre o alumnado de Belas Artes das universidades de Vigo e Salamanca, e nela presentaron tamén as súas curtas cinco estudantes desta universidade, titorizados por Laura Gómez Vaquero. Ademais, as e os seleccionados poderán tamén participar este domingo nun taller de cinema analóxico e ecolóxico impartido por Franci Durán, Phil Hoffman e Robin Riada, “referentes canadenses do cinema experimental”, segundo sinalan desde a organización. 

Organizada pola Asociación Cultural eSe8, nesta décimo quinta Mostra de Cinema Periférico, Belas Artes estivo tamén representada pola graduada Yasmina Farhani Luaces, seleccionada para a sección Sinais, coa súa curta A terra ten glitch, un dos resultados do taller A xogos coa realidade, promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra o festival Novos Cinemas.

Naturalidade, curiosidade e empatía

Seleccionadas de entre máis dun centenar traballos realizados como exercicios de clase para a materia Produción artística: Audiovisuais, as sete curtas proxectadas este venres preséntanse como mostras dun “cinema artesanal, intuitivo e experimental”, como apunta Franco, que as  define como películas “inciáticas” nas que existe “unha liberdade creadora envexable”. Nelas, engade , este grupo de estudantes deu forma a unhas obras nas que traballan “coa súa historia persoal” e coa “experiencia vital ao alcance da súa man”, coas que son quen de “provocarnos curiosidade, gusto, pracer e empatía”. 

Estes catro termos, de feito, daban nome á sesión que permitiu coñecer curtas como Hogar y raciocinio, na que Héctor Pousa contrapón a súa “xeografía afectiva, na ría de Aldán” a un imaxinario “que incide no desastre e na destrución” e que se traslada a través dos medios de comunicación. Mayoor Baiju, por outra banda, exhibiu Bandhangal “unha historia de amor dolorosa que viviu a súa chegada a Galicia da India, a súa terra natal”, apunta Franco; mentres que Eva Lareo reuniu en Boa viajem unha serie de fragmentos dunha viaxe a Lisboa coas súas amigas. Outra das pezas seleccionadas foi Exilio, na que Álvaro Trigo fai uso da animación “para falarnos tamén dunha viaxe de transformación”, mais neste caso, “unha viaxe solitaria, onde o silencio e o baleiro” guían o protagonista, “que camiña de noite por unha paisaxe invernal”. Baixo o título de Golondrinas, Fabiola Quintela sumou ao festival un “ensaio autobiográfico”, explica, articulado, a través de imaxes de arquivo, polas vivencias que marcaron a súa infancia. “Outro exemplo de película autobiográfica”, engade Franco, é O niño da laverca, de María Martelo, “que utiliza como columna vertebral da historia unha gravación dunha cea familiar”, mentres que Paula Pumares propuxo en Fulgor “un autorretrato no que percorro as miñas memorias”, explica, e no que a familia e a súa vila natal conforman “unha paisaxe mental chea de nostalxia”.