DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas organizadas nos sete campus universitarios galegos

Alumnado do campus afonda na prevención da violencia sexual na mocidade

Nela abordáronse temas como o discurso de supremacía masculina e a explotación de menores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 10/11/2021

O campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da III Xornada de Sensibilización e Prevención da Violencia Sexual na Mocidade, iniciativa que se desenvolve nos sete campus universitarios galegos promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade co apoio das unidades de igualdade das respectivas universidades. Na cita celebrada en Ourense abordáronse temas como as subculturas supremacistas masculinas en Internet e a explotación sexual de menores.

Actuación desde o eido educativo

Na inauguración da cita, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, salientou que estas xornadas son “unha iniciativa moi positiva” enmarcada na celebración este mes do 25N, “o mes contra as violencias de xénero”, que tamén chegará aos campus de Vigo (o 24 de novembro) e Pontevedra (o 17 de novembro). A responsable da Unidade amosou a súa satisfacción porque as sesións na UVigo arrancasen este mércores na Facultade de Educación e Traballo Social, centro que, apuntou, “sempre destaca na Universidade de Vigo polo compromiso tanto do alumnado como do profesorado coa igualdade e contra as violencias machistas”. No mesmo senso, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, subliñou que Ourense “é un campus especialmente comprometido coa loita pola igualdade real entre mulleres e homes” e que a UVigo é unha institución académica “con tolerancia cero contras as violencias machistas, as violencias contras as mulleres”. As universidades, recalcou, “queremos ser un espazo no que se debata sobre como rematar con esta violencia pero desde unha reflexión sosegada e desde o coñecemento experto”. Trátase, afirmou Esther de Blas, de “loitar por unha sociedade máis xusta, máis humana e máis igualitaria”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, puxo en relevo a implicación do seu centro no compromiso pola igualdade, tanto no eido docente, como investigador como organizativo. Na loita contra a desigualdade, o responsable académico destacou que “a educación ten moito que dicir”. Así, ás e aos futuros docentes asistentes ás xornadas, o responsable académico animounos a levar a concienciación contra a violencia “ás primeiras idades da infancia”. “A violencia apréndese, co cal canto máis novos e novas introduzamos na infancia o rexeitamento da violencia, a aprendizaxe de resolución de conflitos doutras maneiras e a denuncia das desigualdades, mellor”, sinalou Xosé Manuel Cid facendo fincapé en que “a violencia está moi socializada entre nós”.

Tres intervencións

As xornadas arrancaron cunha intervención de Jorge García, profesor de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela cunha dilatada traxectoria investigadora en temas de xénero. El foi o encargado de falar da manosfera española e as subculturas supremacistas masculinas. A manosfera, detallou, “é este conxunto de blogs, webs, foros... páxinas de Internet que van na liña da misoxinia, o antifeminismo e o odio cara as mulleres”. Trátase, apuntou o profesor, dun “fenómeno que se está comezando a enraizar na realidade española” e sobre o que Jorge García está a investigar nun proxecto subvencionado pola Fundación Reina Sofía no que, ademais da USC, participan outras universidades como a Complutense de Madrid. No estudo, sinalou, están “na fase de etnografía dixital”, de análise de contido, do argumentario, de youtubeiros, foros, chats, influencers caracterizados por este discurso de reafirmación “da supremacía do home branco, europeo, heterosexual, cis, etc.”. Segundo explicou o sociólogo, o seu discurso emprega moitas veces unha “misoxinia directa, con insultos moi graves”, e comparte paralelismo e tamén diferenzas con outros discursos globais noutros países. Entre as particularidades desta manosfera española indicou que está o éxito dos “foros de puteiros”. “Somos o terceiro país do mundo en consumo de prostitución e aquí este tipo de foros teñen máis empaque que noutros países”, comentou.  

Tamén interveu nas xornadas Beatriz Benavente, psicóloga, psicoanalista, vicepresidenta da Fundación Rana e profesora na Universitat de les Illes Balears, que falou ao alumnado asistente sobre a problemática da explotación sexual na infancia e adolescencia. Na súa visita ao campus de Ourense salientou que non se dispoñen de datos fiables sobre esta problemática xa que non hai apenas denuncias pois “os propios menores se senten cómplices da situación”. En todo caso a apuntou que segundo Unicef arredor de dous millóns de menores son explotados sexualmente no mundo cada ano. “Ocorre aquí, en España, e non só con menores que son vulnerables de centro de protección”, afirmou a experta. Na loita contra estas problemática destacou que “o papel das e dos educadores é fundamental porque están na primeira liña para poder detectar casos”. Para esa detección, Beatriz Benavente sinalou que “é importante coñecer cales son os signos da explotación sexual de menores”, entre os que citou a implicación en páxinas web relacionadas coa explotación sexual, recibir bens e agasallos dos que non se sabe a súa procedencia, estar implicados en temas de alcol ou drogas e terse fugado do seu centro de menores ou do seu fogar. “Son indicadores que puntúan moi alto, significativamente, nun caso de explotación”, afirmou.  A psicóloga tamén advertiu de que “as novas tecnoloxías, que cada vez achegan máis a pornografía e a posibilidade de contactar con descoñecidos, fai aos menores máis vulnerables a estar expostos a situacións de explotación sexual”.

Por último, as xornadas, que se enmarcan na campaña autonómica Agresión Off, eu digo non á violencia sexual, contaron coa participación de Zúa Méndez e Teresa Lozano, comunicadoras e cofundadoras de Towanda Rebels, que interviron sobre a pornografía como forma de violencia machista e violencia sexual.