DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nela puideron ver a exposición 'Humano. Obra en cerámica'

Alumnado do Centro José García García de Mende achégase ao campus para coñecer a Sala Alterarte

A visita estivo guiada polo artista Iván Prieto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 23/12/2020

Desde o 30 de outubro e ata o 29 de xaneiro de 2021, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a mostra Humano. Obra en cerámica, do creador Iván Prieto (O Barco de Valdeorras, 1978) e comisariada por Fátima Otero. Este martes, alumnado de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria do Centro Público Integrado José García García de Mende, de Ourense, achegouse a coñecer tanto este espazo expositivo como a mostra que actualmente ocupa os seus muros. 

Na visita, que realizaron en grupos de seis persoas atendendo ás medidas de prevención da covid, as e os estudantes estiveron acompañados, ademais de por profesorado do seu colexio, polo artista Iván Prieto. Así, as e os asistentes puideron coñecer de man do seu creador as 13 pezas de cerámica expostas e nas que o artista reflexiona sobre o ser humano e as súas emocións. A mostra forma parte da cuarta edición do proxecto expositivo de Alterarte Estado Crítico. 15 Comisarios e Comisarias e 15 Artistas

Segundo explicou Xosé Poldras, profesor do José García García de Mende e tamén artista, a visita contou coa participación de estudantes da materia de Plástica e outro alumnado que quixo sumarse á iniciativa, feita aproveitando o remate das clases esta semana. “Pensabamos que podía ser unha visita interesante para os estudantes de Plástica pero tamén para os demais rapaces e rapazas. Eu coñecía a obra de Iván e gústame moito e decidín propor vir ver esta exposición”, apuntou Xosé Poldras. Todos os anos, lembrou, visitan salas expositivas da cidade co obxectivo de que as e os estudantes “perdan o medo” a entrar neste tipo de espazos e xa teñen visitado a Sala Alterarte en anteriores ocasións.