DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha xornada e varios obradoiros que se celebran hoxe martes e mañá mércores

O alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo coñece ‘en primeira persoa’ as posibles saídas laborais das súas profesións

Ex-estudantes da facultade explicáronlles como foron os seus inicios e a súas traxectorias actuais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 15/06/2021

Nestas últimas semanas de curso son moitos os estudantes que, rematando os últimos exames, están comezando a plantexarse o seu futuro inmediato. Para facilitarlles este proceso, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizou esta semana unha xornada informativa para os estudantes dos graos en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

A actividade, titulada En primeira persoa. Competencias profesionais e orientación laboral nos graos en Dereito e RRLL e RRHH comezou hoxe martes coa presentación dos mestrados que oferta o centro. A profesora María Antonia Arias foi a encargada de informar sobre o Máster en Abogacía, un mestrado habilitante, “que é requisito imprescindible para o exercicio da profesión”. O profesor Alex Pazos, pola súa banda, presentou o Máster en Xestión e Dirección Laboral e Teresa Estévez, o de Menores en situación de conflito e desprotección. O decano do centro, Francisco Torres, agradeceulles o seu traballo como coordinadores dos mestrados, “un labor intenso e sacrificado” e puxo en valor a oferta académica da facultade viguesa. Destacou, no caso do mestrado de Avogacía, os “resultados excelentes que está tendo a nivel nacional” mentres, no que se refire ao de Xestión e Dirección Laboral, lembrou que se trata dunha formación interdisciplinar e interuniversitaria que é “un verdadeiro luxo para un centro como o noso” e, finalmente sobre o mestrado en Menores en situación de conflito e desprotección lembrou que se ten convertido “nun referente na materia e moi demandado”.

Buscar traballo é un traballo

A segunda parte da xornada consistiu nun obradoiro de busca activa de emprego na contorna dixital, impartido pola formadora Maruxa Amieiro, de QTalento, unha empresa de selección e desenvolvemento organizacional. Na súa intervención remarcou que “buscar traballo é un traballo e, ás veces, bastante arduo” e recomendou aos estudantes “planear unha estratexia de busca e dedicar tempo cada día” a este labor. “É moi importante que sexades proactivos e traballedes para ser visibles no mercado e que os que recrutamos xente poidamos vervos”. Neste sentido, a experta lembraba que “antes a xente limitábase a enviar currículos, coñecíase e, uns por outros, atopaban traballo, pero hoxe en día a contorna dixital fai que haxa unha avalancha de información, sobre todo para os que estamos buscando perfís”. Neste novo contexto, Amieiro recomenda “ser moi proactivos” e, antes de comezar o proceso de busca de traballo, “propoñerse un obxectivo e unha meta, porque non é o mesmo buscar traballo dando paus de cego que sabendo que queremos facer”. Neste sentido recomendou aos estudantes que comecen por determinar “se queredes ser funcionarios, traballadores por conta allea ou por conta propia, fixar a área na que queredes traballar (avogacía, relacións laborais, recursos humanos, etc.) e o sector”. O seguinte paso será desenvolver un plan de acción de márketing persoal, cuxo fin último é facerse visible, “que o voso currículo destaque sobre os demais”. Tamén lles recomendou ser eficientes e “mover o Cv nas canles adecuadas e prepararse a través do autocoñecemento, para determinar as fortalezas e debilidades a través do que se coñece como unha análise DAFO”.  

Experiencias en primeira persoa

A xornada de hoxe completouse cunha mesa redonda con ex-estudantes da facultade, que foron os encargados de contar “en primeira persoa” as súas diferentes experiencias e traxectorias profesionais tras rematar os estudos. Neste debate participaron Adrián Fernández Huidobro, que actualmente traballa en Gandón SA e explicou como a súa traxectoria profesional o levou a desenvolver a súa profesión “nunha empresa armadora de buques de pesca de altura”. Pablo Rodríguez Acuña, de Baltar Abogados, achegou a súa experiencia como especialista en dereito fiscal e tributario e Irene Álvarez Francés e Agustín Bargiela, socios fundadores de Bargiela y Francés Abogados, explicaron como puxeron en marcha o seu despacho poucos meses despois de rematar a súa formación académica comezando nunha incubadora de proxectos. Finalmente, Mª Eugenia Rodríguez Carlin, achegouse ao proceso de acceso á carreira xudicial. 

Xornada do mércores

A xornada continúa mañá mércores cun segundo obradoiro formativo sobre oratoria e presentacións en público a partir das 11.00 horas a través de Campus Remoto e da man de Diego Gómez, de Montecelo Abogados. A partir das 13.00 horas terá lugar a segunda sesión de experiencias en primeira persoa, desta volta con egresados de Relacións Laborais e Recursos Humanos como Brenda Senra, de CITIC-Censa; Gabriel González Rodríguez, de Vento Abogados & Asesores; Carolina Roo, de Clems Abogados e Pilar Comesaña, da Asesoría ASMI.