DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para coñecer a exposición 'Formas e tránsitos', da creadora Isabel Flores

Alumnado do CPI José García García de Mende visita a Sala Alterarte

Cada ano estudantes deste centro achéganse ao espazo expositivo do campus coincidindo co Nadal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 21/12/2021

Este martes a Sala Alterarte do campus de Ourense acolleu a visita de alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria do Centro Público Integrado José García García de Mende, de Ourense. As e os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer tanto este espazo expositivo como a mostra que acolle desde o pasado 8 de outubro e ata o 21 de xaneiro de 2022 Formas e tránsitos, da creadora Isabel Flores e curada por Sara Donoso.

Na visita o alumnado, acompañado polo profesor do José García García de Mende e tamén artista Xosé Poldras e outros docentes, achegouse á obra de Isabel Flores, artista formada entre as facultades de Belas Artes de Sevilla, La Laguna e a Universidade Mimar Sinan Güzel Sanatlar de Estambul (Turquía), que actualmente continúa a súa formación no programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da UVigo. As e os estudantes viron como na mostra Isabel Flores compaxina a intervención sobre muro coa disposición de varios panos serigrafiados en gasa suspendidos do teito que “crean un espazo envolvente a partir da repetición ornamental” e que obrigan a establecer para o espectador un percorrido non lineal “onde o corpo se activa como suxeito actuante”.

Esta visita de alumnado do Centro Público Integrado José García García de Mende ao campus celébrase cada ano por estas datas, aproveitando o remate da docencia no centro escolar co gallo do Nadal. Todos os anos, rapazas e rapaces do centro, principalmente da materia de Plástica, visitan salas expositivas da cidade de Ourense co obxectivo de que as e os estudantes perdan o medo a entrar neste tipo de espazos. Entre os espazos incluídos neste percorrido está a Sala Alterarte do campus de Ourense, que aínda que está situada nas instalacións universitaria está aberta á visita de balde das persoas interesadas.