DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas celebradas este xoves

Alumnado de Dereito afonda na normativa sobre equilibrio de xénero na alta dirección empresarial

A facultade tamén acolleu unha sesión sobre inmigración e muller desde o punto de vista xurídico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 15/10/2026

Este xoves celebrouse na Facultade de Dereito do campus de Ourense a xornada Paridade e equilibrio de xénero nos consellos de administración das sociedades mercantís e na alta dirección empresarial. Nela ofreceuse unha análise profunda das últimas modificacións normativas introducidas no dereito español neste ámbito e da súa efectividade. Tamén no eido da igualdade, o centro acolleu hoxe unha sesión sobre inmigración e xénero desde o punto de vista xurídico. 

Paridade en gobernanza corporativa

A xornada Paridade e equilibrio de xénero nos consellos de administración das sociedades mercantís e na alta dirección empresarial estivo financiada pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. A súa directora foi  Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil, e o coordinador o profesor axudante doutor Roberto Couto. A actividade desenvolveuse no marco do proxecto de investigación de ámbito estatal Reformas lexislativas recentes e pendentes en materia de contratación e competencia empresarial: entre a dixitalización e a sostibilidade, financiado polo Ministerio de Ciencia e Investigación, liderado desde a Universidad de Córdoba e no que participa a UVigo con Ana María Tobío e Roberto Couto.

Sobre a temática elixida para esta xornada, desde a súa  organización sinalan que “a consecución da paridade de xénero no ámbito da gobernanza corporativa constitúe un punto de partida de especial importancia para facer realidade o principio fundamental de igualdade de trato e oportunidades entre as persoas”. A garantía da diversidade na toma de decisións das empresas constitúe, engaden, unha maneira de mellorar a súa eficiencia e a súa ética, en coherencia co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible de lograr a igualdade de xénero e empoderar a todas as mulleres e nenas, incluído na Axenda 2030 aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2015. Na actividades celebrada este xoves abordouse unha análise profunda das últimas modificacións normativas introducidas no dereito español sobre a composición dos órganos de administración e da alta dirección das empresas, orientadas a acadar unha presenza equilibrada de xénero. Valorouse a efectividade do modelo normativo vixente e a conveniencia ou non de artellar novas medidas, a fin de avanzar nos obxectivos propostos de igualdade real das persoas.

Entre as iniciativas normativas que se teñen promulgado a tal fin, desde a Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo destacan a directiva da Unión Europea 2022/2381, de 23 de novembro, máis coñecida como Directiva Women on Boards. Esta norma ten sido recentemente trasposta en España a través da Lei Orgánica 2/2024, de 1 de agosto, comunmente denominada como Lei de Paridade. Ambas as dúas disposicións, sinalan, ademais de proxectar as súas previsións nos órganos das administracións e corporacións públicas, substancialmente, destacan por centrarse tamén nos órganos de goberno das sociedades cotizadas e outras entidades privadas de certo tamaño. “A súa maior transcendencia está en que supoñen un cambio substancial de orientación, por mor das dificultades que seguen a ter as mulleres para desenvolver as súas carreiras profesionais ata ocupar postos de alta dirección”, afirman. Así, en lugar de meras orientacións ou suxestións de cumprimento voluntario, desde a organización da xornada sinalan que estas disposicións “veñen a impoñerse normas de carácter vinculante cun réxime sancionador rigoroso nun ámbito alleo ao sector público, o que supón un salto cualitativo importante na implementación de medidas favorecedoras da paridade nos órganos de xestión e dirección”.

A programación arrancou cunha conferencia sobre o equilibrio de xénero nos consellos de administración e na alta dirección empresarial a cargo de Adoración Pérez, profesora titular de Dereito Mercantil (acreditada a catedrática) da Universidad de Alcalá de Henares e vogal permanente da Sección Segunda de Dereito Mercantil da Comisión General de Codificación do Ministerio de Xustiza. Seguiulle unha intervención sobre o procedemento de selección de conselleiros e o nomeamento de altos directivos tras a Lei de Paridade de María Ángeles Alcalá, catedrática de Dereito Mercantil da Universidad de Castilla-La Mancha, tamén vogal permanente da Sección Segunda de Dereito Mercantil da Comisión General de Codificación e conselleira de Iberdrola. As relatoras convidadas, indican desde a organización, “suman á súa destacada traxectoria académica, a súa especialización e dedicación, desde fai anos, en materia de diversidade de xénero e goberno corporativo, sobre a que contan con destacadas publicacións e teñen participado en números eventos”. 

Inmigración e xénero

A segunda das actividades con perspectiva de xénero celebradas este xoves na Facultade de Dereito ourensá foi a xornada Feminismo e teoría do dereito IV. Inmigración e xénero: estereotipos, vulnerabilidade e razoamento xurídico. Nela, Leticia María Delgado, profesora titular da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid, falou sobre a inmigración e políticas públicas, centrándose en cuestións de xénero, igualdade e cidadanía normativa. A súa intervención celebrouse previamente este mércores no campus de Vigo, na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, e este xoves repetiuse para o alumnado do campus de Ourense. A actividade, organizada polo grupo de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito (AGAF),  contou co apoio de, ademais das facultades que a acolleron, da Unidade de Igualdade da UVigo, do Instituto Universitario de Investigación. Xustiza e Xénero (IXEX) e da Xunta de Galicia.