DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun seminario de peche celebrado de xeito presencial e virtual

O alumnado de doutoramento de Educación e Traballo Social fai balance do seu traballo investigador

75 estudantes están matriculados nestes estudos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 25/05/2022

75 alumnas e alumnos están actualmente matriculados no Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento, que se imparte na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Como xa é tradición neste título, o seu alumnado pechou a programación deste curso académico cun seminario no que fixo balance dos avances acadados nos seus proxectos de tese de doutoramento.

“Ao longo do curso, o alumnado de doutoramento ten unha serie de actividades obrigatorias, sendo as dúas máis emblemáticas os seminarios de arranque e de peche, como o que vimos de celebrar”, explica Xosé Manuel Cid, coordinador deste título e decano tamén da Facultade de Educación e Traballo Social. Nesta actividade de fin de curso, detalla, o alumnado de primeiro ano de doutoramento explica como está desenvolvendo o seu proxecto de tese, a súa orientación, e recibe a retroalimentación e ideas das e dos demais compañeiros e profesorado presente. As persoas que xa levan máis tempo no programa, engade Xosé Manuel Cid, explican no seminario en que punto da investigación están e reciben sobre todo azos para continuar e rematar o seu traballo. “A tese é unha carreira de fondo e intentamos que saian todas adiante”, afirma o docente.

O Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento, apunta o seu responsable, “ten unha boa representación internacional, con arredor dun 25% de alumnado de fóra” e vén de ampliar de 14 a 18 as súas prazas para poder atender á demanda existente. Para facilitar a participación deste colectivo estranxeiro nas actividades do título, o seminario de peche celebrouse en dúas sesións, unha presencial e outra virtual. Alén da presenza de investigadoras e investigadores procedentes de Latinoamérica, Xosé Manuel Cid destaca a participación lusa. “De Portugal, cada curso entran cinco ou seis persoas no noso programa, xa somos un centro de referencia para todo o norte de Portugal”, comenta.

Diversidade temática

Ao longo do seminario, as e os estudantes falaron dos seus proxectos de tese, que abranguen diferentes ámbitos da educación e do traballo social. Así, detalla Xosé Manuel Cid, dentro da ampla diversidade temática das teses en elaboración, “temos unha liña de investigación moi potente en temas de xénero, de igualdade, ante a educación e a sociedade”. Igualmente, o docente pon de relevo as liñas de investigación centradas no uso das TIC en educación; no eido socioeducativo; na psicoloxía da educación e na intervención no ámbito educativo. Este último bloque, apunta, “é un ámbito onde se está reforzando moito este programa de doutoramento, inicialmente era un ámbito un pouco reducido, centrado na didáctica das ciencias, pero neste momento xa temos teses en todos os ámbitos, desde a lingua á educación física”. No amplo abano de temas abordados polas e polos investigadores o coordinador do título tamén cita como, a pesar dos anos de desenvolvemento do programa, “aínda se seguen facendo teses de historia de educación”, recalcando como “é moi importante coñecer a historia, sobre todo nunha cidade e nunha provincia como a nosa, onde temos un pasado de tanto valor no mundo escolar como socieducativo”.

A listaxe de proxectos de tese presentados polo alumnado no seminario abrangue títulos como o uso do teléfono intelixente na adolescencia; o acoso, a heteronormatividade e o etnocentrismo; a transición á vida adulta da mocidade en vulnerabilidade social; o desenvolvemento socieducativo da infancia con tartamudez; as habilidades sociemocionais en adolescentes con altas capacidades; a praxe da educación social ou experiencias socioeducativas como Lodoselo e Ponte nas Ondas!. Lembrando como o programa xa superou a cifra da vintena de teses lidas nos oitos anos desde o seu nacemento (as primeiras teses foron lidas no curso 2014/2015), Xosé Manuel Cid apunta como “esperamos que no que queda de ano presentar outras catro ou cinco teses máis”. Neste camiño cara a defensa da tese de doutoramento, o coordinador do título destaca a importancia da motivación non só individual senón tamén a través do apoio do grupo con iniciativas coma os seminarios celebrados. “Á parte de todo o traballo científico créase un grupo que vai máis alá do traballo investigador e que é enriquecedor para o alumnado”, sinala.

Por último, o decano da Facultade de Educación e Traballo Social subliña que “é moi importante traballar para mellorar a educación tanto formal como social e incluso os servizos sociais e un dos instrumentos mellores para facelo é a investigación”. O feito de que esta facultade ofreza o ciclo completo de formación ás e aos estudantes, desde que inician o grao ata que presentan a súa tese de doutoramento, “fai comunidade pedagóxica e científica e iso enriquece moito os obxectivos estratéxicos do centro”.