A actividade tivo lugar este mércores no campus organizada pola Unidade de Diversidade
Alumnado de Educación e Traballo Social implícase na loita polos dereitos fundamentais coa celebración dun hackaton social
Houbo presentacións, unha mesa de diálogo, obradoiros e regueifas
Como preludio á conmemoración de maio como o Mes Europeo da Diversidade, a Unidade de Diversidade da Universidade de Vigo, co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense, celebrou este mércores un Hackaton social polos dereitos. “Esta xornada quere ser unha ferramenta para transformar a empatía en acción, utilizando a linguaxe audiovisual, o diálogo experto e a creatividade estudantil para derrubar estas barreiras, físicas e simbólicas, que aínda hoxe, ás veces, limitan o exercicio pleno da cidadanía”, sinalan desde a organización.
Na actualidade, a construción dunha sociedade plenamente democrática, comentan as entidades promotoras, esixe non só o recoñecemento teórico dos dereitos fundamentais, senón a súa praxe real nos espazos educativos e sociais. Con este obxectivo, o 'hackathon social' celebrado este mércores na Facultade de Educación e Traballo Social propúxose como un espazo de cocreación e reflexión crítica ante a “urxente necesidade de abordar a diversidade funcional, a identidade de xénero e a multiculturalidade dende unha perspectiva interseccional”.
Á apertura da cita asistiron, entre outras persoas, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, e Raquel Rey, responsable da Unidade de Diversidade da UVigo. A programación arrancou coa presentación da curta Cuatro esquinitas en el país de las muchas formas, con guión de Pablo Romero Fresco e Kate Dangerfield. Seguiu cunha mesa de diálogo aberto sobre dereitos fundamentais moderada por Raquel Rey e que contou, entre outras intervencións, coa de Iria Loisa Justo sobre o paso da tutela á autonomía, a participación e a dignidade; a de Antía Pousa e Marian García, que falaron sobre o dereito a identidade de xénero e orientación sexual e os dereitos de igualdade; a de Susana Álvarez sobre a eliminación de barreiras, a garantía de accesibilidade universal e os dereitos fundamentais, e a do profesor da facultade Deibe Fernández-Simo. O Hackaton social polos dereitos incluíu a celebración dun Laboratorio dos Dereitos no que se desenvolveron diferentes obradoiros creativos realizados polo estudantado da Facultade de Educación e Traballo Social e que consistiron en recunchos sobre multiculturalidade, diversidade funcional, identidade de xénero e a primeira xeración universitaria. Neste obradoiros particiou tamén alumnado do Programa de Emprego e Vida Autónoma do campus. A actividade rematou cunha actuación das regueifeiras Nuria Penas e Xairo D´Herbón.
Catros eixes estratéxicos
A xornada estruturouse arredor de catro eixes estratéxicos. O primeiro foi a sensibilización a través da linguaxe audiovisual, utilizando pezas como Cuatro esquinitas para “xerar un impacto emocional que sirva de motor para o debate sobre a educación inclusiva e a accesibilidade universal”. O segundo foi o diálogo e transferencia de coñecemento, facilitando un espazo de intercambio entre profesorado, profesionais e estudantado para analizar os retos actuais nos dereitos de xénero, a autonomía persoal e a eliminación de barreiras. Seguiulle o eixe de activismo creativo e experimental, centrado en fomentar a participación activa do estudantado a través do Laboratorio dos Dereitos, onde a creación de recunchos temáticos permitiu materializar propostas concretas sobre diversidade. Por último, a actividade apostou pola reivindicación da identidade cultural, pechando a programación vinculando a loita polos dereitos coa tradición oral galega a través das regueifeiras, pondo en valor a comunicación directa e a retranca como ferramentas de transformación social.
