DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun foro que arrancou este xoves a súa programación

Alumnado de Enxeñaría Informática achégase a un mercado laboral no que goza de pleno emprego

Conta coa participación dunha vintena de empresas do sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 18/11/2021

O campus de Ourense acolle desde xoves e ata o 2 de decembro a celebración do V Foro Emprego da Escola Superior de Enxeñaría Informática. A iniciativa ofrece ao alumnado de grao e mestrado deste centro a posibilidade de achegarse a unha vintena de empresas e entidades para coñecer as súas ofertas de emprego e de prácticas tanto curriculares como extracurriculares.

“O obxectivo deste foro é achegar a universidade ás empresas e que o alumnado poida coñecer de primeira man o que lle ofrecen tanto no eido laboral como de prácticas curriculares e extracurriculares”, explicou Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI). Con taxas de pleno emprego, lembrou o responsable académico, “o noso alumnado non ten ningunha problemática á hora de incorporarse ao mercado laboral, de feito está na posición de poder elixir”. Porén, subliñou, é importante que as e os estudantes coñezan o que lle ofrece cada unha das empresas para o desenvolvemento das súas carreiras profesionais tendo en conta a diversidade de ámbitos de especialización e tecnoloxías existentes neste mercado.

Cada curso académico, destacou Francisco Javier Rodríguez, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus colabora con arredor de 38 empresas, principalmente para a oferta de prácticas ao alumnado, e unha vintena delas participan neste foro. Trátase, indicou, de empresas dun perfil moi diverso, tanto en tamaño, abranguendo “desde grandes empresas nacionais a empresas pequenas que naceron preto de nós”, como en temáticas, abarcando desde “empresas de tecnoloxía pura e dura e outras que traballan en consultaría”. A resposta do alumnado á iniciativa foi moi positiva, pechando a inscrición en 45 persoas. “O que caracteriza e diferencia a este foro é que facemos unha axenda de entrevistas entre empresa e alumno. Cada alumno ten entrevistas de 15 minutos coas empresas que elixe para falar. Isto obríganos a limitar o número de participantes”, comentou o responsable da ESEI.

Conferencia inicial e entrevistas

A programación do foro arrancou este xoves cunha conferencia sobre o mercado laboral en enxeñaría informática a cargo de Fernando Suárez, director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense e presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. Na súa intervención, falou sobre “como está cambiando o noso mundo, un mundo que cada vez é máis tecnolóxico e no que as empresas tecnolóxicas están a dar un paso adiante”. Neste cambio tan acelerado que está a vivir a sociedade, apuntou, a tecnoloxía é protagonista pero, recalcou, “o importante é o talento, é o que marca a diferencia”. As e os enxeñeiros informáticos, dixo Fernando Suárez, “teñen un papel protagonista neste cambio social” xa que, asegurou, “non se entende a innovación sen o seu liderado”. Neste senso apuntou a importancia de que este colectivo “dea un paso á fronte” e cobre protagonismo nas entidades públicas e privadas tendo en conta que “hoxe en día practicamente calquera decisión ten que ver coa tecnoloxía”. “Temos que xogar cada vez máis un papel relevante na sociedade, no só en cuestións de tecnoloxía senón en todos os niveis sociais”, dixo. Como exemplo indicou que un tema fundamental “é conseguir que a tecnoloxía chegue a todos, que sexa incluínte e non excluínte, e aí as e os enxeñeiros informáticos temos moito que dicir na capacitación, na formación e na visibilización da nosa profesión”.

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia lembrou como segundo os datos dos que se dispoñen en enxeñaría informática “non temos paro, hai máis demanda que oferta de profesionais e as empresas rífanse polos nosos profesionais. Temos non só unha profesión de presente senón tamén de moito futuro”. A este respecto chamou a atención sobre a “escaseza preocupante de mulleres na profesión” e recalcou a importancia de rachar esta situación pois, lembrou, a enxeñaría informática “é unha profesión moi transversal que afecta á saúde, á comunicación, á sanidade, á educación... calquera pode desenvolver a vocación que teña a través da tecnoloxía”.   

Tras esta conferencia de apertura, o foro continuará este xoves pola tarde cunha quenda de entrevistas presenciais de alumnado coas empresas interesadas. A semana do 22 ao 26 de novembro as entrevistas entre alumnado e empresas continuará de xeito virtual e por último, a clausura do foro celebrarase o 2 de decembro, cunha sesión que seguirá o formato da primeira de conferencia pola mañá e entrevistas presenciais pola tarde.