DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro con profesionais enmarcado no congreso de mercadotecnia dixital Flúor

O alumnado da Facultade de Comunicación amosa o seu potencial ás principais axencias de márketing e publicidade de Galicia 

15 estudantes participaron nun evento patrocinado polo Consello Social da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 26/05/2023

Coa participación de preto de 500 persoas, Pontevedra é nestes días sede do V Congreso Atlántico de Márketing Dixital Flúor, un evento promovido polo Clúster de Comunicación de Galicia que reúne os principais profesionais deste eido en Galicia e no que tamén están presentes as e os futuros profesionais do sector, o estudantado da Facultade de Comunicación. 14 alumnas e un alumno dos diferentes graos e mestrados deste centro participaron este venres nun speed dating con responsables dunha decena de axencias e consultoras de publicidade, márketing e comunicación. 

Promovido co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, trátase da segunda edición dunha iniciativa que a decana, Emma Torres, define como “unha oportunidade para o alumnado”, xa que permite un contacto directo “coas principais axencias de Galicia”, á vez que lles sirve “como unha forma de preparación para o mercado laboral”. Coa participación, entre outros, de responsables de Redegal, Recados Carmen, Bululú Creativos, Dos Espacios, Siete Olas, Cactus Digital ou Miraveo, este encontro abriuse cunha breve presentación das áreas de traballo e dos perfís profesionais que precisan por parte das e dos representantes das diferentes empresas, para que logo fosen as estudantes da facultade as que desen a coñecer as súas traxectorias, intereses e proxectos a esta serie de profesionais.

Unha mostra dos diferentes perfís que se forman na facultade

“O ano pasado tivemos unha primeira experiencia, que funcionou moi ben e permitiu facer contactos e expoñer a diversidade de perfís que temos dentro da facultade”, apunta Torres deste encontro de carácter informal, que permite o alumnado ter un contacto directo con “empresas de márketing, axencias de comunicación, asesorías, consultoras...”, aos que tiñan que trasladar “as súas vocacións e os seus perfís” en poucos minutos. Ao mesmo tempo, a decana incide no positivo de que un congreso como Flúor “poña o foco nos estudantes que se supón que van traballar neste sector” e que este encontro faga posible á súa vez mostrar ás empresas os diferentes ámbitos de traballo nos que se forma o alumnado da facultade e que abranguen, lembra, “desde o audiovisual e a fotografía ata a creatividade ou a xestión publicitaria”. 

Alén de neste speed dating, estudantes da facultade colaboraron tamén coa organización deste congreso e coa súa retransmisión a través de Twitch. Entre as e os colaboradores neste foro atopábanse Sofía Martínez, Miguel Ángel Moreno e Xulia Vicente, alumnos do Grao en Publicidade e Relacións Públicas e integrantes da asociación Freshy, que nesta xornada participaban tamén neste encontro con profesionais. “A pesar de que aínda estamos en segundo curso e non temos claro que queremos facer, permítenos ter unha mirada ao mundo actual da publicidade en Galicia, que é o que nos toca máis de preto”, salienta Moreno dun encontro que constitúe “unha oportunidade para achegarte ao mundo laboral, que pode abrirche portas”, como engade Martínez. “Para nós é xa un primeiro contacto co mundo real, co que imos ter que facer o día de mañá, que en moitos casos non podes ter ata o último curso da carreira ou no máster”, engade Vicente.