DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co deseño de 26 campañas de promoción de iniciativas culturais neste idioma

O alumnado da Facultade de Comunicación leva ás redes sociais a promoción do galego

Ciencias da Educación e do Deporte acolle a exposición ‘Unha lingua con moito sabor’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/05/2026

A conmemoración, este domingo, do Día das Letras Galegas, fai que se sucedan as iniciativas centradas en dar visibilidade ao idioma e a literatura en galego, como as protagonizadas nestas xornadas polo alumnado do campus de Pontevedra. Entre elas atópase as 26 campañas a prol do galego deseñadas por estudantes da Facultade de Comunicación, dirixidas a dar visibilidade nas redes sociais á literatura, música, audiovisual ou á creación de contidos neste idioma. Tamén a exposición Unha lingua con moito sabor, que pode verse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e na que o alumnado presenta unha serie de receitas tradicionais. Así mesmo, a Sala O Abrigo de Belas Artes acolle este xoves un obradoiro poético, centrado en reflexionar sobre o territorio galego a través das súas poetisas contemporáneas.

Comunica en galego

Nunha iniciativa coordinada polo docente Xosé Baamonde, o alumnado da materia Teoría e Práctica das Relacións Púbilcas, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, traballou ao longo do cuadrimestre no deseño e posta en práctica de 26 campañas en redes sociais, centradas na promoción do idioma. “O obxectivo desta iniciativa desta iniciativa é que adquiran capacidades para desenvolver campañas nas redes máis utilizadas na actualidade pola mocidade e, ao mesmo tempo, coñecer e contribuír a dar visibilidade a diversos sectores culturais e económicos do noso país”, sinala o profesor da Facultade de Comunicación. 

As e os diferentes grupos participantes presentaban nestes días o informe final do traballo que desenvolveron nas últimas semanas e que difundiron a través dos perfís creados en diferentes redes sociais. Entre as súas propostas atópanse campañas de apoio á música en galego, como tonnordes, seran.gz ou devagar.mp3; iniciativas dirixidas a promocionar produtos audiovisuais, como pegaclub ou debuxosquefalan; ou propostas centradas en creadores e creadoras de contido, como xeitogalego_ ou trendgal_. Outras campañas, explica Baamonde, abordan os medios de comunicación en galego, o patrimonio histórico e cultural ou buscan dar a coñecer produtos etiquetados en galego. A estas iniciativas súmanse ás dedicadas á literatura e banda deseñada, como lerconxeito ou tintaenxebre, proxectos de apoio a referentes femininas galegas, como ascreadoras, ou de difusión da moda galega. 

Esta iniciativa insírese no proxecto Comunica en galego, que se completará cunhas xornadas dirixidas a dar a coñecer entre o alumnado creadores de contido ou medios de comunicación neste idioma e que terán lugar a comezos do vindeiro curso académico.

Lingua e gastronomía

Promovida pola comisión PEA-Unesco de Ciencias da Educación e do Deporte, esta facultade acolle nestes días unha exposición que conecta a conmemoración do Día das Letras Galegas coa gastronomía. Promovida polas profesoras Alicia Sentí e Ana Acuña, Unha lingua con moito sabor é "unha exposición de temática gastronómica, na que se recollen receitas tradicionais, elaboradas polo alumnado do Grao en Educación Infantil”, explican, ás que se suman os debuxos sobre as súas comidas favoritas realizados por 40 estudantes de 5º de Educación Infantil do Colexio Martín Códax de Vigo. Esta proposta vese complementada por unha serie de vídeo-receitas, nas que o estudantado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria amosa como cociñar diferentes pratos tradicionais e que nestes días se proxectan na entrada da facultade.

Obradoiro poético en Belas Artes

Na conmemoración do Día das Letras Galegas insírese tamén o obradoiro Vivir sendo muller, que este xoves se desenvolverá na Sala O Abrigo de Belas Artes e que á súa vez dá continuidade ás iniciativas promovidas con motivo do Día Internacional da Muller neste espazo xestionado polo colectivo estudantil Luscofusco. Programado para as 18.30 horas e con inscrición previa, trátase dun taller impartido por Noa Fontán e centrado en reflexionar sobre o territorio galego desde unha mirada feminista. “O obxectivo é reflexionar sobre o autobiográfico e a identidade persoal das mulleres dentro da sociedade, ademais de dar a coñecer ás poetas que abriron camiños na historia poética galega”, sinalan as responsables desta actividade. Este taller súmase á súa vez ás diferentes iniciativas que teñen lugar nestes días no Abrigo, que alberga ata este xoves unha exposición de Diego Rubio e que acollía este luns un taller de iniciación á tatuaxe.