Nun proxecto de aprendizaxe servizo desenvolvido este cuadrimestre
Alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social lanza unha trintena de propostas para educar na diversidade
Elaboradas en colaboración con entidades sociais e centros educativos
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebra este luns e xoves o simposio Diversidade no proceso atencional. Nel alumnado do centro presentará case unha trintena de propostas concretas realizadas por elas e eles e destinadas a traballar con diferentes colectivos a atención. O amplo abano de propostas abranguen desde un podcast sobre afectación da atención ante sucesos vitais estresantes e un conto sobre retraso madurativo ata un desing thinking aplicado á soidade non desexada e unha guía dixital sobre TDAH para docentes.
A iniciativa desenvólvese como parte do proxecto de aprendizaxe servizo (Aps) Educa na diversidade, transforma a sociedade, coordinado pola profesora da citada facultade María José Vázquez, contando co apoio da Convocatoria de Aps 2025-26 no marco da Axenda 203 e dos seus ODS da Universidade de Vigo. No proxecto participa alumnado e profesorado de primeiro curso dos graos de Educación Social e de Traballo Social; do Máster Universitario en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivo e do Programa de Maiores do campus de Ourense. Ademais están implicados centros educativos como o CEIP Mestre Vide e Franciscanas e entidades como o Centro Penitenciario de Pereiro Aguiar. “Trátase dunha proposta que dá continuidade a proxectos iniciados en cursos previos, coas adaptacións propias da experiencia e a evidencia alcanzada, e en consenso coas entidades implicadas”, sinala a súa responsable.
Un produto axustado á promoción dalgún aspecto da saúde
Educa na diversidade, transforma a sociedade pretende que os principais axentes implicados (desde o estudantado e entidades ata a comunidade en xeral) fagan unha reflexión crítica e participativa orientada cara a xustiza social, cunha intencionalidade claramente transformadora da contorna. “Neste proceso, as e os estudantes toman conciencia das desigualdades, ao tempo que se implican activamente na busca de solucións inclusivas e respectuosas coa diversidade, tendo como foco central a promoción da saúde, dende unha perspectiva biofisicosocial”, explica María José Vázquez.
Concretamente, o alumnado participante, ao longo do primeiro cuadrimestre, afrontou con este proxecto o reto de realizar un produto axustado á promoción dalgún aspecto da saúde, dende unha perspectiva biofisiosocial. Isto levouno, en primeiro lugar, a analizar e avaliar en contexto real as necesidades persoais-psicolóxicas, sociais e culturais da poboación a que se quixeron dirixir (persoas adultas en conflito coa lei, crianzas de Educación Infantil e Primaria, adultos en formación en ciclos formativos vencellados coa discapacidade, mulleres privadas de liberdade, etc). “Focalizámonos na atención como un aspecto que está vinculado coa diversidade psicolóxica e social, traballando cada grupo de estudantes sobre a atención e un tópico escollido por eles, como atención e TEA ou atención e TDAH”, apunta a coordinadora da iniciativa. En segundo lugar, o alumnado, en grupos, afrontou o deseño, de forma creativa e co apoio das entidades implicadas, dunha proposta que resolvese a necesidade que quixeron atender (elaborando materiais audiovisuais, material pedagóxico, etc). No proceso fíxose fincapé en que o alumnado aprendese a integrar distintas áreas de coñecemento e da cultura para “crear e producir un produto útil dentro da comunidade social e institucional próxima ao campus de Ourense”. Esta semana, os produtos elaborados son presentados e entregados ás entidades para o seu emprego se así o consideran, estando xa algúns deles efectivamente implementados, como un cómic sobre violencia de xénero feito co gallo do Día Internacional da Muller para o CEIP Mestre Vide.
Entre os proxectos presentados este luns hai cómics sobre a afectación da atención do uso excesivo de pantallas e sobre a violencia de xénero; unha guía para proxenitores sobre o impacto do uso excesivo das tecnoloxías na atención dos adolescentes; podcasts sobre temas como o proceso atencional en persoas maiores ou en persoas con TEA; un xornal sobre o proceso atencional en persoas con TDA e TDAH; e unha páxina web sobre o proceso atencional en persoas con trastorno depresivo. O xoves seguirán as presentacións con propostas como desing thinking aplicado á soidade non desexada ou diferentes recursos visuais e dixitais para docentes en relación ao TDAH.
Ao simposio e ás presentacións asisten e participan, ademais do alumnado e profesorado implicado, profesionais de entidades que apoiaron aos estudantes nos seus proxectos ou que poderían implementalos, como ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia); CIEMA (Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto); o Colexio Público Mestre Vide e o Centro Plurilingüe Divina Pastora. Franciscanas.
