DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da súa colaboración coa Universidade de Bremerhaven

Alumnado da Fctou e de Relacións Internacionais participa en Alemaña nun seminario multicultural

Ao longo desta semana unha vintena de estudantes dos dous países comparten actividades formativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 26/06/2026

Alumnado das facultades de Ciencias Empresariais e Turismo (Fcetou) e de Relacións Internacionais do campus de Ourense participa desde o luns nun seminario internacional e multicultural na Universidade de Bremerhaven (Hochschule Bremerhaven), en Alemaña. A iniciativa permite ao estudantado da UVigo compartir unha semana de actividades formativas e de ocio con alumnado alemán. 

Esta visita devolve a realizada polo estudantado alemán que participou en Ourense no mes de abril na International Week 2026, organizada polas facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e de Relacións Internacionais. Desde hai anos, existe unha estreita relación entre a Fcetou e a Universidade de Bremerhaven, que permite que o alumnado dos graos de ADE e Turismo da facultade ourensá poden obter ademais da súa titulación pola UVigo a de Bachelor of Arts in Business Administration e a de Bachelor of Arts in Cruise Tourism Management, respectivamente, pola Hochschule Bremerhaven. Ademais, cada curso académico realizan unha serie de actividades conxuntas, como a citada International Week e este seminario, actividades ás que este curso académico se uniu a Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense.

No seminario internacional que se desenvolve esta semana e que leva por título Experiments and Evidence-Based Decisions, participa un total de 20 estudantes (dez de Ourense e outros dez de Alemaña). Trátase, indican desde a organización, dunha iniciativa que “combina aprendizaxe práctica, traballo intercultural e toma de decisións baseada en evidencia”. Esta “experiencia académica internacional da man da Hochschule Bremerhaven”, engaden, “constitúe unha oportunidade única para o alumnado compartir coñecemento, desenvolver competencias globais e vivir unha experiencia académica enriquecedora nun contexto internacional”. Alén de fomentar as relacións internacionais entre as universidades e facultades participantes, o seminario permite ademais ao alumnado practicar idiomas, coñecer diferentes formas de estudar e traballar e así enriquecer a súa formación integral.

O programa do seminario inclúe unha ampla actividade formativa na Universidade de Bremerhaven arredor da temática elixida, apostando por sesións participativas. Compleméntase con visitas a puntos de interese da contorna, como a planta de produción de Mercedes-Benz, o Centro Alemán de Emigración (Deutsches Auswandererhaus), o Klimahaus (Museo do Clima) e a propia cidade e porto de Bremen.