Nunha festa organizada pola Vicerreitoria de Internacionalización no edifico Miralles
O alumnado internacional dá a benvida ao Nadal na UVigo
Este cuadrimestre a institución conta con máis de 400 estudantes procedentes doutros países
Bo Nadal, Feliz Navidad, Merry Christmas, Buon Natale, Joyeux Noël, Feliz Natal, Frohe Weihnachten… A Vicerreitoría de Internacionalización organizou este venres unha Winter Party para o estudantado internacional e o alumnado propio que participará en programas de mobilidades noutros países no segundo cuadrimestre coa idea de que poidan establecer contacto con estudantes das súas universidades de destino. Foi na sala 1 do edificio Miralles e non faltaron nin a música nin os tradicionais doces de Nadal.
Déronlles a benvida os directores das áreas de Internacionalización, Iago Pozo, e de Plurilingüismo, Óscar Ferreiro, quen ademais de felicitarlles as festas e desexarlles que gocen moito destas datas lle agradeceron ter elixido a Universidade de Vigo como destino das súas estancias internacionais convidándoos a non perder nunca o contacto con esta institución.
Tras as súas intervencións proxectouse tamén un vídeo no que a estudante francesa Manon Choquart, alumna de intercambio na Facultade de Filoloxía e Tradución, explicou a súa experiencia na cidade olívica, desde a súa chegada o pasado 1 de setembro, “meses nos que tiven a oportunidade de coñecer máis de preto Galicia e tamén o seu idioma, pois esta foi a primeira sorpresa, saber que ademais de español se falaba outra lingua”, explicou a alumna no vídeo, ao tempo que admitiu que, ao principio, lle deu medo que isto puidese supoñer un atranco na comunicación, pero, finalmente, isto non foi así. “Encántame a comida española, vivo na residencia, anoteime a fútbol e mesmo fago teatro en galego…”, explicou, contenta de ter elixido este lugar como destino.
315 estudantes de intercambio e 120 do programa LCA
Durante este primeiro cuadrimestre, os tres campus da UVigo acollen 315 mozas e mozos de múltiples nacionalidades que chegaron a Galicia no marco de diferentes programas de mobilidade. Deles, 262 quedan durante o primeiro cuadrimestre e 53 farano durante todo o curso, unhas cifras moi similares ás do curso anterior.
A todos eles hai que sumar os 120 estudantes internacionais matriculados no Diploma de Formación Universitaria Lingua, cultura e adaptación á universidade, LCA, unha formación que, por primeira vez, se incorpora á oferta formativa do Centro de Posgrao e Formación Permanente da universidade viguesa. Chegados desde Emiratos Árabes Unidos, Turquía, Indonesia, Exipto, Siria, Qatar, Filipinas ou Irán teñen o reto de aprender neste curso o idioma e os trazos básicos da cultura española en apenas nove meses, coa idea de poder quedar aquí e matricularse nun grao ou mestrado.
