DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa posta en marcha do proxecto Educa para a diversidade. Transforma a sociedade

Alumnado e profesorado de Traballo Social e do CEIP Mestre Vide únense para fomentar a integración das persoas con discapacidade

Este venres celebraron a súa primeira actividade con rapazas e rapaces de Primaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 02/12/2022

O 3 de decembro está declarado polas Nacións Unidas como Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Co gallo desta data, este venres celebrouse a primeira sesión do proxecto Educa para a Diversidade. Transforma a Sociedade, na que participa profesorado e alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e do centro educativo CEIP Mestre Vide desta cidade. O seu obxectivo é fomentar a visibilidade, a sensibilidade e a empatía coa diversidade para facilitar a integración de todas as persoas.

Ademais dos centros implicados, na iniciativa participan a Cátedra Unesco Transformative Education: Science, Communication and Society e a Xunta de Galicia, e conta coa colaboración do Campus Auga, a ONCE e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg). O equipo de traballo da Universidade de Vigo está coordinado por María José Vázquez (profesora e coordinadora da materia de Psicoloxía Básica no Grao de Traballo Social e membro do Grupo de Investigación Psicoloxía Xurídica e da Saúde: Convivencia e Benestar) e forman parte del as alumnas de primeiro do Grao en Traballo Social Aroa Rodríguez, Laura Fernández, Lara Fernández, Alba Sintes, Dina El Azzouzi Benazzouz e Iria Expósito. Por parte do CEIP Mestre Vide participan as e os docentes Aida María Regueiro (coordinadora), Javier Gonzalo Rodríguez, Arancha Míguez e María Teresa Doval. Completa esta participación por parte da cidadanía Noelia Quintairos e Julio Masid, que achegan o seu testemuño como persoas con discapacidade auditiva e visual respectivamente.

“Este proxecto de colaboración entre o centro Mestre Vide e a Universidade de Vigo ten como obxectivo implementar unha proposta psicosocioeducativa que propicie o interese por coñecer e respectar a diversidade, a tenor da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade”, comentan desde a súa organización. Neste foro, engaden, únense o equipo destes dous centros educativos co “propósito de propiciar o pensamento crítico no seu estudantado, poñendo o foco de atención no efecto que ten a exclusión ou inclusión da diversidade, moi especialmente nas persoas que teñen algún tipo de discapacidade”. Neste caso concreto, achéganse propostas innovadoras creadas polo alumnado da UVigo no contexto da materia de Psicoloxía: Psicoloxía Básica, do Grao en Traballo Social.

Obxectivos e actividades

O obxectivo xeral da iniciativa, comentan desde a súa organización, é impulsar o interese por coñecer a diversidade e por participar activamente na defensa da igualdade e da equidade de dereitos. Os seus obxectivos específicos son ademais facilitar o desenvolvemento dunha actitude empática cara a diversidade; identificar os estereotipos ou distorsións cognitivas arredor da diversidade; coñecer os mecanismos implicados no procesamento da información que perciben as persoas e coñecer os sistemas de comunicación e apoio que precisan as persoas con discapacidade auditiva e discapacidade visual. O proxecto arrancou con esta primeira experiencia celebrada este venres pero coa idea de que teña continuidade no futuro, achegándose a outro tipo de diversidades para ter unha perspectiva máis global sobre elas.

A actividade celebrada este venres no CEIP Mestre Vide, situado ao carón do campus de Ourense, contou coa participación de escolares de primeiro e segundo curso de Educación Primaria deste centro. Nela, alén de ofrecerse unha panorámica xeral da diversidade, facendo fincapé nas diversidades visibles pero tamén nas invisibles, é dicir nas diferenzas que fan a cada persoa única, centrouse en dous tipos de discapacidade: a visual e a auditiva, contando coa participación de dúas persoas con estas características físicas. No caso da discapacidade visual, rapazas e rapaces puideron coñecer as vivencias de Julio Masid, as dificultades que afrontou e os seus retos, os apoios que precisa unha persoa con esta discapacidade, como o can guía, e o sistema de braille, linguaxe na que o alumnado puido facer unha pequena incursión. Igualmente, no caso da discapacidade auditiva coñeceron as vivencias de Noelia Quintairos, as súas dificultades e retos; tamén se achegaron aos apoios que precisa unha persoa con esta limitación auditiva e á linguaxe de signos, facendo as e os escolares tamén un pequeno achegamento a esta forma de comunicación.

“A diversidade fai que teñamos un mundo rico”, sinala María José Vázquez. Proxectos coma este, engade, “buscan transformar a sociedade” xerando actitudes e emocións de “afecto, apoio e empatía” e “pensamento crítico e reflexivo nos nenos e nenas e tamén nas súas familias”, que contribúen á inclusión das persoas con algún tipo de diversidade. Porén, a docente recalca a súa satisfacción pola posta en marcha desta iniciatova que, lembra, naceu nunha conversa informal con profesorado do Mestre Vide co gallo do Día Internacional da Discapacidade que este sábado se celebra.