DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo no que contan co asesoramento da ONG Ecos do Sur

O alumnado de Publicidade e RRPP rebate a través de vídeos diferentes mitos sobre saúde mental ou alimentación

Realizan pezas centradas na desinformación referida a diferentes problemáticas ou colectivos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 24/03/2023

Diferentes mitos e noticias falsas sobre saúde mental ou trastornos alimenticios que se espallan a través das redes sociais centrarán boa parte dos vídeos divulgativos que o alumnado do Grao de Publicidade e Relacións Públicas levará a cabo no marco do proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática. Promovido polo profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte, coa colaboración da ONG Ecos do Sur, o obxectivo desta actividade é que o alumnado reflexione sobre os efectos das fake news sobre diferentes problemáticas e colectivos. Fano, explica, a través da realización dunha serie de vídeos que acheguen recomendacións xerais para a verificación de información e que rebatan noticias falsas e boatos, informacións sen contrastar, sobre diferentes temáticas ou colectivos.

Seleccionado na convocatoria de innovación educativa en aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, neste proxecto participan, divididos en dez grupos, preto de 60 estudantes da materia Teoría e práctica da comunicación televisiva, que reciben formación adicional e asesoramento por parte de Ecos do Sur. Como apunta Dafonte, esta iniciativa permite por unha banda que o alumnado desenvolva “as competencias da materia”, xa que teñen que “crear contidos audiovisuais cun carácter divulgativo ou persuasivo”, orientados a unha audiencia específica. “En función da temática e o público que escollan e dos seus obxectivos, deben seleccionar tamén as redes principais para divulgar os seus contidos e adaptarse aos formatos e narrativas propias desa rede”, sinala o responsable desta actividade. Nese senso, tanto o alumnado participante no ApS como o restante debe realizar tanto unha serie de vídeos breves, en formato vertical, pensados para redes como TikTok ou Instagram, como outra peza horizontal, xa de maior duración, orientada a plataformas como Youtube. 

Saúde mental e trastornos alimentarios

Unha das novidades desta actividade, que alcanza a súa cuarta edición é que todos os grupos deberán realizar tamén un vídeo “con pautas e recomendacións xerais fronte á desinformación”. A este sumarase os traballos que centrarán nas temáticas escollidas polos diferentes grupos. “Segue habendo moito interese pola saúde mental, sobre todo no referido á estigmatización de certas doenzas”, apunta nese senso Dafonte. Xunto a outra serie de proxectos que poñen o foco en aspectos como “a falta de referentes femininos” en profesións de carácter científico ou tecnolóxico, outra das temáticas que máis interese espertaron no alumnado nesta edición foi a desinformación relacionada coa nutrición e os trastornos alimenticios, xa que “teñen unha conciencia moi clara de que a xente vese sometida nas redes sociais ás opinións e consellos sobre cuestións moi importantes por xente que non ten nin idea”, apunta. 

Se ben todos os grupos deberán realizar esta serie de vídeos, os que optaron por facelo no marco deste ApS contaron ademais con dúas sesións formativas adicionais, impartidas por Ecos do Sur, que presta ademais “un seguimento e asesoramento”, que lles permite “aproveitar a bagaxe” desta ONG galega no ámbito da loita contra a desinformación e o discurso do odio en internet, como lembra Dafonte. Fundada en 1991, Ecos do Sur centra o seu labor na loita contra as desigualdades e desenvolve neste eido o proxecto CibeRespect, polo que foi recoñecida co Premio á Innovación Social da Fundación La Caixa e co premio ás boas prácticas do Colexio de Traballo Social de Galicia. 

Un proxecto que contribúe a promover un espírito crítico

Aínda que non é forma parte das tarefas da materia, Dafonte anima aos diferentes grupos a tratar de acadar unha "repercusión social" cos seus vídeos a través da súa difusión nas redes sociais, como fixeron gran parte dos participantes nas anteriores edicións, chegando en varios casos ás 100.000 reproducións e contribuíndo deste xeito á loita contra a desinformación. Alén disto, o docente pon o foco na propia aprendizaxe que esta iniciativa supón para o propio alumnado, xa que obrígaos “a indagar, a valorar a fiabilidade das fontes e a responder ás afirmacións con datos”, o que á súa vez fainos “reflexionar sobre cuestións sobre as que ao mellor non eran conscientes”. Igualmente, a proposta lévaos tamén a pór o foco no que implica “a propia problemática da desinformación en si mesma e o doado que é crear noticias falsas”, contribuíndo “a formar cidadanía con maior espírito crítico e solidario”. Nese senso, Dafonte destaca tamén o positivo desta actividade á hora de amosar ao alumnado “como desde o seu campo profesional poden ter tamén un impacto positivo e contribuír a axudar a certos colectivos que se ven sometidos a unha cantidade de desinformación que lles afecta na súa vida diaria”.