DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun taller de arqueoloxía experimental celebrado no campus

Alumnado de Xeografía e Historia recrea a vida na prehistoria

Practicaron actividades como facer lume, talla lítica, arte rupestre ou cazar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 19/05/2023

Cada venres das dúas últimas semanas, alumnado do Grao de Xeografía e Historia, impartido na Facultade de Historia do campus de Ourense, participou nun taller de arqueoloxía experimental que lle permitiu recrear en primeira persoa aspectos da vida na prehistoria, desde como facer lume ata cazar, contando cos medios dispoñibles naquela época.  

O taller foi organizado polo Departamento de Prehistoria da Universidade de Vigo en relación coa materia de primeiro curso Prehistoria Universal, impartida polo arqueólogo Martiño Xosé Vázquez, e dentro do marco do programa de actividades experimentais do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT). Nas dúas sesións celebradas tanto nos xardíns universitarios como no edificio de Ferro, as e os estudantes, seguindo as indicacións do profesor da materia e tamén do especialista en arqueoloxía experimental Xandre Camaño, puxéronse mans á obra para eles mesmos, cos medios e técnicas dispoñibles na prehistoria, intentar cazar e a facer lume, ferramentas, talla lítica, cerámica e arte rupestre, entre outras actividades.

A iniciativa, comenta Martiño Xosé Vázquez, permitiu ao alumnado “achegarse dunha forma diferente aos contidos abordados na materia durante todo o curso, experimentando directamente aqueles apartados referidos en temario”. O seu obxectivo foi, indica, traspasar as fronteiras das aulas e intentar trasladar ás e aos estudantes a ese pasado que estudan durante o curso. “Vendo presentacións, vídeos, libros e collendo apuntes, o alumnado pode facerse unha idea da vida na prehistoria pero desta maneira entendemos que é unha forma moito máis óptima de adquirir eses coñecementos e competencias, afrontando problemas reais de materialidade, de técnicas, etc”, comenta o arqueólogo. A acollida e participación por parte do alumnado, comenta, “foi fantástica”.