DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu o acto de entrega destes galardóns, promovidos pola Xunta

Un alumno de Comunicación Audiovisual gaña o VI concurso de curtametraxes sobre doazón de medula 

David Hortas foi galardoado por ‘Usa o teu poder’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Premios
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/09/2021

Usa o teu poder, unha curtametraxe que pon de relevo o “poder” que todas as persoas teñen de salvar vidas converténdose en doantes de medula ósea, é o título da obra coa que o estudante do grao en Comunicación Audiovisual David Hortas converteuse este mércores no gañador do VI Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de médula ósea, promovido pola Axencia de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS). A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu nesta xornada o acto de entrega destes galardóns, presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen estivo acompañado pola decana, Emma Torres, e a directora de ADOS, Marisa López.

Xunto ao traballo de Hortas García, que xa fora recoñecido co segundo premio na anterior edición do certame, o xurado destes galardóns seleccionou tamén as pezas O camiño dunha doazón de medula ósea, da estudante da Universidade de Santiago de Compostela Zaida López, e Doar e salvar, todo é empezar, da alumna da Universidade da Coruña Alexia Mariño, co segundo e terceiro premio, respectivamente.

Na súa intervención, García Comesaña agradeceu ao premiado e premiadas “a vosa axuda á hora de divulgar e sensibilizar” á cidadanía, lembrando que “tres de cada catro pacientes con enfermidades do sangue que precisan un transplante de medula non contan cun familiar compatible”. De aí que puxese de relevo a importancia do Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea (REDMO), no que están inscritos na actualidade máis de 13.000 galegos e galegas. “As vosas obras son unha achega importante para a solidariedade”, salientou García Comesaña, mentres que Emma Torres puxo de relevo que “formación e saúde teñen que ir da man para que todos poidamos colaborar en aspectos tan relevantes como este”, ademais de amosar o seu “orgullo” polo feito de que o gañador desta edición sexa un estudante do centro.