DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza celebrada este mércores

Ana Pontón aborda os retos de futuro do campus de Ourense cos seus responsables académicos

Entre os temas abordados estiveron o financiamento e as necesidades de espazo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 10/12/2025

Este mércores o vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, e responsables das diferentes facultades e escolas ourensás mantiveron un encontro con Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. Nel abordaron diversos temas referidos á situación actual do campus universitario e aos seus retos de futuro, entre eles o financiamento universitario, as necesidades de novos espazos, o soterramento da avenida Otero Pedrayo e o avance das universidades privadas. Na reunión, tamén participaron por parte do Bloque Nacionalista Galego Luís Seara, portavoz municipal; Xosé Manuel Puga, concelleiro; Noa Presas, deputada pola comarca, e Daniel Castro, responsable parlamentario de Universidade.     

Tras o encontro, Francisco Javier Rodríguez destacou que foi “unha xuntanza moi positiva”, apuntando como nela se abordaron posibles “obras que son transformadoras non só para a cidade senón tamén para o campus”, como o posible soterramento da avenida Otero Pedrayo. O vicerreitor indicou que o encontro permitiu aos centros trasladar ao BNG as súas demandas, entre elas “moitas peticións para máis espazo para o campus”, porque lembrou, “coas novas titulacións que temos estamos moi xustos de espazos e servizos”. Neste senso, dixo que o obxectivo é “intentar que o campus teña os servizos que merece”. Igualmente, salientou que na xuntanza tamén se abordaron “os medos que temos respecto á universidade privada”, falando xa non só do campus de Ourense senón da universidade no seu conxunto. 

Pola súa banda, Ana Pontón comentou que o encontrou centrouse en “como impulsar o campus de Ourense e a ensinanza universitaria, que se nos parece estratéxica con carácter xeral parécenos que esa palabra cobra moito máis sentido cando falamos de Ourense”. Para Ourense, indicou, “o campus creo que é un activo desde o punto de vista da dinamización económica, social, cultural e na potencialidade que ten para ser un elemento que axude non só á cidade senón a toda esta parte do país”. Entre os puntos tratados na xuntanza citou o financiamento xa que, dixo, “o primeiro que necesita a universidade pública son máis recursos”. Neste senso Pontón lembrou que “desde o BNG estamos traballando para que ese financiamento sexa maior” e permita que “os chamados campus periféricos teñan máis posibilidades de desenvolvemento e polo tanto maior financiamento”. Así, indicou que o seu partido propón que o financiamento universitario sexa o 1,5% do PIB, cifra que, dixo, permitiría investir 1200 millóns nas universidades públicas e “que particularmente creo que daría oportunidades para que este campus poida medrar, tanto no número de titulacións que imparte como en todo o que ten que ver coa investigación”. 

Outros dos temas abordados, indicou Ana Pontón, foi “como nos preocupa o impacto que está tendo o desenvolvemento dunha universidade privada en Galicia, porque basicamente estamos vendo como se incumpre a lei e vanse duplicando titulacións que xa existen na pública, a pesar de que sabemos que iso en teoría estaba prohibido pola lei”, citando como exemplo o caso de Dereito e Enfermaría. “Vamos a seguir demandando que se cumpra a lei e non que se lle dean de certa maneira privilexios ás universidades privadas”, afirmou. Por último, tamén se tratou o proxecto de soterramento da avenida Otero Pedrayo e a unión das dúas zonas do campus de Ourense, proxecto que, dixo, “desde o BNG queremos impulsar se temos responsabilidades na alcaldía no próximo mandato”. Este proxecto, indicou, suporía “un cambio substancial no modelo de cidade e nas oportunidades que ten o propio campus”, afirmando que “vamos a apostar porque se leva adiante este soterramento que ten moitas vantaxes, como a conexión do campus coa cidade”.