DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coñeceu de preto as instalacións do centro da man dos seus responsables

Ana Pontón visita o Cinbio e anuncia que o BNG traballa nunha proposición de lei para crear Innogal, instituto na liña do Ikerbasque

A líder nacionalista tamén aposta pola posta en marcha dun plan que permita o retorno do talento emi

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 18/01/2022

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, anunciou este martes nunha visita ao Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, que os nacionalistas traballan nunha proposición de lei para a creación de 'Innogal', un instituto galego que promova e coordine a investigación, o desenvolvemento e a innovación (I+D+i) na comunidade galega do mesmo xeito que o fai o Ikerbasque en Euskadi ou o ICREA en Catalunya. É unha das medidas estrelas de toda unha serie de propostas que se impulsan desde o BNG e que inclúen tamén un Plan retorna do talento emigrado, definir a carreira profesional para estabilizar ao persoal investigador e reforzar a Universidade como xeradora de ciencia e investigación.

Previa á visita a diferentes laboratorios do centro, nos que puido coñecer de primeira man o traballo que neles se leva a cabo, a portavoz nacionalista mantivo unha xuntanza de traballo  co director do centro e líder do grupo TeamNanoTech, Miguel Ángel Correa; a subdirectora, Diana Valverde, responsable do grupo de Xenómica e Biomedicina, e a xestora, Noa Caramés. Das súas mans a portavoz nacionalista puido coñecer de preto o traballo de investigación que se leva a cabo nunhas instalación das que forman parte máis de 200 persoas, tanto persoal docente e investigador, como estudantes de doutoramento e técnicos/as de laboratorio.

Máis recursos: pasar do 1% ao 2% do PIB

Na súas declaracións aos medios a portavoz nacionalista aproveitou para destacar o “carácter estratéxico” que o BNG concede á ciencia e á investigación como motor para unha Galicia de futuro, próspera e de vangarda, “entendemos que é clave para o desenvolvemento social e económico e require unha aposta firme, máxime nun momento de grandes cambios e transformacións”, sintetizou. Nesta liña subliñou que, se ben, o país ten capacidade e talento, é evidente, -dixo-, “que se precisan máis medios e unha mellor planificación para poñernos na vangarda científica”. Para avanzar nese camiño, Pontón puxo sobre a mesa tres cuestións fundamentais: financiamento, capital humano, -incluíndo a igualdade de xénero tamén neste eido-, e reforzar o sistema científico das universidades, principais produtoras de ciencia.

En materia de financiamento, a líder nacionalista considera urxente “sacar Galiza da cola onde a situou o Goberno de Feixóo”, tendo en conta que hoxe se destina menos do 1% do PIB e propón o obxectivo de duplicar esta porcentaxe ata o 2% do PIB, en liña coa media de investimento en Europa. “Obviamente, iso require que o a Xunta mobilice máis recursos, de feito, nos orzamentos de 2022 propuxemos destinar o 3% do total á ciencia, pero tropezou co veto do PP”, lamentou.

“Hai que reter e  captar talento e rematar coa precariedade”

No ámbito dos recursos humanos, subliñou a evidencia de que sen científicos e científicas non hai ciencia. Por iso, urxe traer de volta o talento investigador emigrado e poñer en marcha medidas que reteñan o que aínda está aquí, ao que se suma a avalancha de xubilacións nos próximos anos. “Hai que reter e  captar talento e rematar coa precariedade que tamén se vive neste sector”, indicou. Para conseguilo, as propostas nacionalistas pasan por un Plan de captación e retención do talento que emigrou por falta de oportunidades; definir a  carreira profesional investigadora para dar estabilidade ás persoas que queren traballar no ámbito científico, investigador e innovador e potenciar o sistema institucional coa creación do Innogal. 

Igualdade de xénero e I+D+i universitario

Á igualdade de xénero foi outro dos puntos aos que se referiu a portavoz nacionalista.
Neste aspecto Pontón destacou que a igualdade tamén debe chegar ao ámbito da ciencia, suprimindo as discriminacións que penalizan ás mulleres nas súas carreiras profesionais. Citou a Lei Ángeles Alvariño elaborada polo BNG grazas a colaboración de moitas científicas e logrando o respaldo do Parlamento.  O obxectivo é corrixir elementos de discriminación nas convocatorias públicas, “e estaremos moi vixiantes a que se cumpra por parte do Goberno da Xunta porque non nós podemos permitir perder o talento das mulleres, nin que estas se vexan obrigadas a escoller entre ser científicas ou ser nais”.

Finalmente, a responsable nacionalista destacou a necesidade de fortalecer o sistema de I+D+i nas universidades, por ser estas o máis importante foco de xeración de ciencia e investigación e da súa transmisión ao sector económico público e privado e ao conxunto da sociedade. “Podemos ser unha potencia no ámbito científico, no que xa temos a moitos e moitas referentes, pero hai que facer unha aposta de país pola ciencia e polo coñecemento”, concluíu.

Rolda de visitas aos principais centros de investigación

Esta visita prodúcese dentro da rolda que o BNG está realizando polos máis destacadas entidades investigadoras de Galicia, visita na que tamén participou o portavoz municipal de Vigo, Xabier Pérez, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, e as deputadas por Vigo Carmela González e Alexandra Fernández.