DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O experto en xenética ofreceu este mércores unha conferencia no campus

Ángel Carracedo lanza na Facultade de Ciencias “unha mensaxe de ilusión pola investigación”

Nela destacou a importancia de desenvolver unha carreira investigadora

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 12/01/2022

Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto internacional en xenética, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e un longo etcétera de méritos converten ao galego Ángel Carracedo e ao seu grupo de investigación en referentes internacionais no seu eido. Este mércores ofreceu na Facultade de Ciencias do campus de Ourense unha conferencia que tivo como obxectivo trasladar ao alumnado e persoal investigador presente “unha mensaxe de ilusión pola investigación”.  

A conferencia, que se titulou Investigar en Galicia mantendo a ilusión, estivo organizada pola Área de Microbioloxía da UVigo, e foi presentada por Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias, que destacou a dilatada traxectoria do relator, cuxo Grupo de Medicina Xenómica tense convertido en referente internacional en xenética forense, xenómica comparada e de poboación, participando en coñecidos casos como o crime de Alcáser, o 11-M ou na identificación das vítimas do tsunami do sudeste de Asia.

Pasar aos feitos

Durante a súa intervención, Carracedo explicou a súa traxectoria investigadora e o traballo que realiza o seu grupo lanzando unha mensaxe de positividade arredor do traballo investigador e de que como na investigación, a pesar das dificultades, “tamén se poden cumprir os soños”. “Sei que a vida da investigación non é fácil, sobre todo nun país coma o noso, no que aínda non existe unha carreira investigadora consolidada, pero agardo que isto se corrixa”. Ao longo da súa dilatada traxectoria, apuntou, conseguiu non só manter a ilusión inicial pola investigación senón incrementala cos anos, xa que “cada vez facemos cousas máis interesantes, máis apaixonantes”. Preguntarse o porqué das cousas, recalcou sobre a investigación, “é algo moi bonito e máis cando fas unha cousa tan práctica como a nosa, que ten unha aplicación concreta para solucionar casos forenses, para facer diagnósticos clínicos, para entender as causas dunha enfermidade, para buscar medicamentos...”.

Coa crise provocada pola covid-19, a investigación, indicou o experto, “cobrou máis prestixio” pero, recalcou, “hai que pasar aos feitos”. Así, dixo, “xa todo o mundo entende por exemplo a importancia da investigación biomédica, pero agora hai que conseguir que a xente que fai investigación teña unha carreira investigadora, que poida traballar con calma, sen presión, que teña expectativas laborais e que non teña que irse fóra a traballar”.

Traballo interdisciplinar e internacional

Ao longo da súa intervención, Ángel Carracedo explicou a súa traxectoria e a do seu grupo, centrándose no aprendido dos éxitos pero tamén dos fracasos. Deste xeito, contou ao público asiste como no seu caso xa avanzada a carreira de Medicina, “dinme conta de que o contacto directo coa medicina non me gustaba moito, porque non me gustaban as operacións, a parte de cirurxía” e “porque dábame moita pena os enfermos”. Barallando posibilidades que pensou que lle poderían gustar, sinalou como valorou psiquiatría, porque lle gustaba “todo o que tiña que ver coa mente” pero que descartou ao ver por primeira vez un psiquiátrico, e xenética, que sería finalmente a opción escollida. Na carreira, lembrou o relator, practicamente “non vira nada de xenética” pero, indicou, era un eido que sempre lle interesou moito porque “parecíame que aí estaban as razóns da vida, a razón da evolución, a razón da diversidade”. Porén, tras ser unha das primeiras notas do Mir, decidiu tomarse un ano de reflexión para pensar que facer ao coñecer que non había a especialidade de xenética clínica en España. Tras ese parón, finalmente, dixo, decidiu estudar un mestrado ligado a unha especialidade xenética nunha universidade sueca.

Comezou aí unha traxectoria que o levou a hoxe en día a dirixir un grupo de investigación xenética do que afirmou, “estou moi orgulloso”. Na actualidade, indicou Carracedo, o seu equipo está formado por arredor de 160 persoas, unhas centradas no traballo de investigación e outras “en aplicacións prácticas do que facemos e en xerar recursos para que o resto do grupo poida investigar”. Do equipo destaca aspectos como o seu compoñente interdisciplinar e que conta con áreas moi internacionalizadas. Sobre o primeiro destes aspectos comentou como traballan médicos, biólogos, físicos, químicos, matemáticos, veterinarios, informáticos e un longo etcétera de profesionais que “comparten a ilusión polo traballo e a ilusión pola xenómica”. No eido da internacionalización apuntou como na parte forense chegaron a coincidir persoas de 18 nacionalidades pero, advertiu, a situación provocada pola covid fai que agora esa internacionalización teña un carácter máis virtual que presencial.