DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula pode realizarse dende hoxe luns ata o 24 de febreiro

ANL estrea no segundo cuadrimestre un curso sobre linguaxe sanitaria galega

Os cinco obradoiros para o que resta de curso son virtuais e de balde

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Académica
M. Del Río DUVI 08/02/2021

Coa pandemia da covid-19 tamén chegaron ás nosas vidas unha manchea de termos sanitarios que se volveron habituais en calquera conversa, palabras como máscara, gromo, vacina, antíxenos... Precisamente para ampliar o coñecemento que a comunidade universitaria ten sobre a linguaxe relacionada coa saúde, a Área de Normalización Lingüística da UVigo estrea no segundo cuadrimestre o curso Anatomizamos en galego. Esta acción formativa é unha das cinco que conforman a oferta da ANL para o que resta de curso, todas elas de balde e en modalidade virtual. O prazo de matrícula estará aberto dende hoxe luns ata o 24 deste mes.

Dúas novidades

Para este segundo cuadrimestre, a Área de Normalización Lingüística preparou dúas novidades na súa oferta formativa. A primeira delas é o curso sobre terminoloxía sanitaria, de 30 horas de duración, que se desenvolverá entre o 6 de abril e o 7 de maio a través da plataforma Moovi, cunha proba final en liña o 11 de maio, de 17.00 a 17.45 h Esta formación está destinada a persoas interesadas na linguaxe e na redacción sanitaria galega, que poderán revisar as regras gramaticais básicas da lingua galega, coñecer aspectos léxicos e fraseolóxicos do ámbito sanitario, coñecer a estrutura básica dos tipos de textos médicos máis frecuentes, practicar a lingua galega oral no trato coas e cos pacientes e coñecer a situación sociolingüística da lingua galega no eido sanitario.

A segunda das novidades do cuadrimestre é o curso Avanza co galego. Cunha duración de 40 horas, está dirixido a persoas que xa posúen un nivel medio ou medio-alto de galego e queiran mellorar a calidade lingüística e aumentar a súa competencia comunicativa en lingua galega. Tamén a través de Moovi, a docencia terá lugar do 8 de marzo ao 23 de abril, cunha proba final en liña o 27 de abril, de 17.00 a 17.45 h.
Os obxectivos deste curso pasan por ampliar o coñecemento da lingua galega nun sentido integral para empregalo na práctica comunicativa de maneira eficaz; depurar os erros lingüísticos máis frecuentes na lingua galega para mellorar a competencia comunicativa; empregar diferentes recursos lingüísticos que permitan unha mellora da práctica comunicativa e adquirir unha competencia comunicativa en lingua galega de maior calidade.

Dous cursos para mellorar a redacción

Xunto coas dúas novidades, nos próximos meses impartiranse tamén dous cursos tradicionais da oferta da ANL. Por unha banda, o obradoiro para redactar e expoñer os traballos fin de grao e fin de mestrado, con 25 horas de duración entre o 15 de marzo e o 16 de abril. Como explican dende a ANL, facer un traballo de investigación solvente é fundamental, e saber comunicalo ten a mesma importancia. Por iso, a través deste curso trátase de achegar ás persoas participantes as ferramentas necesarias para redactar con corrección os traballos académicos e saber expresar as ideas para expoñer os resultados dun TFG ou TFM. O curso será virtual, pero haberá clases telepresenciais un día á semana en horario de tarde os martes 16 e 23 de marzo, e os martes 6 e 13 de abril. 

Outra das formacións que ofrece a ANL é o curso de redacción e estilo, que pretende converter a escrita nunha tarefa atractiva a través da adquisición de certas habilidades e coñecementos que melloren os textos. A duración do curso é de 40 horas, do 6 de abril ao 14 de maio, cunha proba final en liña 18 de maio, de 17.00 a 17.45 h.

As persoas asistentes poderán coñecer e valorar o concepto de lexibilidade, así como reflexionar sobre as variables que inflúen na lexibilidade dun texto e saber diferenciar rexistros para axustar os niveis de expresión a cada situación comunicativa. Tamén poderán valorar a utilidade de planificar e ordenar a información dos nosos textos, ademais de fixar as cuestións que debemos ter en conta á hora de redactar e revisar o que escribimos. Ademais, tamén poderán adquirir os coñecementos necesarios para redactar textos cunha linguaxe clara, precisa e adecuada; coa idea de coñecer as pautas básicas para emitir e recoñecer textos ben escritos e perfeccionarán a expresión escrita, para chegar a elaborar textos expresivos e correctos, que teñan en conta aspectos como a adquisición de destrezas no uso correcto da puntuación.

Galicia para non galegos

A oferta formativa complétase co tradicional curso de extensión cultural, destinado a estudantes de programas de intercambio que queiran achegarse á historia, antropoloxía, lingua e cultura de Galicia. Conta cun total de 75 horas de duración, do 2 de marzo ao 13 de maio, cunha proba final en liña o 18 de maio, de 17.00 a 18.00 h. As e os asistentes aprenderán a comunicarse en galego ao tempo que se familiarizan co clima e a paisaxe, a distribución do territorio en comarcas, parroquias ou aldeas; coa arquitectura popular como os hórreos, os muíños ou os cruceiros; coa sociolingüística; con tradicións etnográficas como a cultura do viño, os magostos, o samaín ou os maios; a gastronomía, as lendas ou a música tradicional e actual. Terá un lugar destacado no programa a literatura galega, para repasar as e os escritores máis senlleiros de todos os tempos.