DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os traballos poden presentarse ata o 23 de xullo

A ANL lanza unha nova edición dos Premios de Ensaio e Banda Deseñada

As persoas gañadoras en cada modalidade recibrián 700€

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
M. Del Río DUVI 06/04/2021

A Área de Normalización Lingüística ten aberto o prazo de presentación dun dos seus premios anuais, o de Ensaio e Banda Deseñada. O certame está destinado a toda a comunidade universitaria, co obxectivo de facer agromar, dar a coñecer e pór en valor a creatividade literaria e artística das persoas que forman parte da UVigo.

Estes premios enmárcanse dentro do convenio existente entre a institución académica e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a promoción da lingua galega, polo que os traballos que se presenten aos premios deben estar escrito neste idioma. O prazo para presentalos está aberto ata o 23 de xullo.

Outorgarase un primeiro premio, de 700€ e dous accésit de 250€ por cada categoría. En ambos casos as obras deben ser inéditas e non ter sido premiadas noutros certames. Un xurado, presidido polo reitor e composto por persoas de recoñecida traxectoria nos ámbitos do ensaio e a banda deseñada, será o encargado de elixir as obras gañadoras, que serán publicadas pola Universidade de Vigo nun volume monográfico. Ademais, os premios entregaranse nun acto institucional.

Ensaio

Na modalidade de ensaio o tema será libre, cun mínimo de 2000 palabras e un máximo de 3000. Valorarase, nomeadamente, a reflexión e as achegas propias sustentadas na claridade e no rigor expositivo pero non se considerarán os artigos científicos nin os estados da cuestión sobre unha temática determinada.

Banda Deseñada

Na modalidade de banda deseñada as obras non poden estar publicadas total ou parcialmente en páxinas web ou redes sociais, libros electrónicos, revistas etc. Cada traballo presentado poderá ser escrito e debuxado por un máximo de dúas persoas autoras (unha como guionista e outra como debuxante). Dado que o certame se enmarca dentro do programa de dinamización da lingua galega, as obras deben estar escritas neste idioma. Por idéntico motivo, non se aceptarán obras mudas, ou aquelas nas que o uso de texto sexa marxinal, nin páxinas orixinais. Admítense traballos en branco e negro ou en cor cunha extensión mínima de 6 páxinas e máxima de 15, numeradas e con técnica libre.