DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Apertura das xornadas 'Mulleres do mar, mulleres no mar'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 29/09/2021

Levan anos traballando no sector marítimo pesqueiro en todas as súas vertentes: foron, son e serán redeiras, mariscadoras a pé, percebeiras, investigadoras, oceanógrafas, xestoras... pero seguen sendo minoría nos postos directivos, tanto na empresa privada como nas administracións públicas. Así se denunciou este mércores na apertura das Xornadas Mulleres do mar, mulleres no mar, organizadas desde a Escola Universitaria de Estudos Empresariais con motivo do seu centenario e que inclúen toda unha serie de iniciativas para promover a sensibilización de xénero neste colectivo, “fundamental para a actividade económica da cidade de Vigo e de Galicia en xeral, pero que está en condicións de desigualdade con respecto aos homes que traballan no mesmo sector”, tal e como subliñou a directora da escola Consuelo Currás na apertura das xornadas.

Foi unha mesa redonda institucional que contou coa participación do reitor, Manuel Reigosa; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; a investigadora e exdirectora do Centro Oceanográfico de Vigo, Mª Victoria Besada, e a administradora de Operacións de Control da Axencia Europea de Control da Pesca, Idoia Sáenz. Todas e todos fixeron unha chamada común a romper o forte teito de cristal que seguen a sufrir as mulleres do mar, unha chamada a “rachar con todos os impedimentos que teñen as mulleres para poder ocupar os espazos que lle corresponden”, tal e como salientou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen lembrou que “a economía do mar sempre tivo nome de muller: iso si, con salarios e condicións precarias e invisibilizadas”. 

Tamén nesta liña se manifestou o reitor, Manuel Reigosa, que fixo fincapé en que “está claro que non hai igualdade, que os teitos de cristal seguen a existir, que se fixo moito pero que queda moitísimo por facer”, recalcou o reitor, quen tamén amosou a súa preocupación polo retroceso de matrícula de mulleres nas carreiras STEM. 

Tanto Reigosa como Silva aproveitaron a súa presenza neste acto para defender a posta en marcha de medidas legais que axuden a corrixir esta situación, “que é unha inxustiza de seu”, tal e como recalcou o reitor.

Multitude de mulleres no sector, pero moi poucas en postos directivos

Foi unha mesa redonda na que se ofreceron múltiples datos que puxeron cifras a unha realidade: hai multitude de mulleres vinculadas ao sector marítimo pesqueiro pero moi poucas que accedan aos postos de dirección. Entre outros datos, a presidenta da Deputación de Pontevedra explicou que a Federación Galega de Confrarías conta con dúas mulleres no seu comité executivo de 12 persoas (supoñen o 16%), cando hai nelas 12.734 persoas afiliadas e o 31% son mulleres. Tamén subliñou que só hai 6 mulleres patroas maiores nas 63 confrarías e 16 vicepatroas e lamentou que, por exemplo, o Centro Oceanográfico de Vigo conte con só un 17% de mulleres en postos directivos a pesar de que as investigadoras xa supoñen o 60% do persoal, tal e como indicou nesta mesma mesa redonda Mª Victoria Besada, primeira directora do Centro Oceanográfico de Vigo. Silva lembrou así mesmo que en España as mulleres representan o 15% da afiliación ao réxime especial do Mar, “pero son máis dun terzo de toda a man de obra desta cadea na industria”, ao que engadiu que das 3.792 persoas mariscadoras a pé, o 72% son mulleres, o 63% na provincia, “pero nos órganos de dirección tampouco estamos”.

Ademais das cifras, os interviñentes na mesa redonda quixeron pór en valor a inmensa valía das mulleres vinculadas ao mar. Nesta liña o presidente da Autoridade Portuaria lembrou o papel “fundamental” que tiveron na historia de Galicia as mulleres vinculadas ao mar, “desde as redeiras, ata as que traballan na industria conserveira ou do conxelado, pasando por todas as viúvas do mar que tiveron que sacar solas as súas familias adiante ou a todas as mariscadoras que, día a día, loitan contra o furtivismo e a pesca ilegal”.

Máis conferencias e mesas redondas con mulleres do mar

Tras a apertura das xornadas con esta mesa redonda institucional, o programa de actividades continuará esta tarde. Primeiro, ás 17.00 horas,  terá lugar unha conferencia de Mariana Toussaint, experta en cuestións de pesca da FAO, a organización das Nacións Unidas que lidera o esforzo internacional para pór fin á fame. Doutora pola Universidade de Vigo e antiga alumna da escola, Toussaint centrará a súa intervención en facer unha presentación global sobre a presenza das mulleres na pesca e a acuicultura. A continuación, ás 19.00 horas, celebrarase unha mesa redonda coa participación de mulleres con oficios como percebeira ou redeira na que se falará tamén da seguridade e as discriminacións nestes oficios.

Para mañá xoves está previsto celebrar a conferencia Diagnóstico de xénero: mulleres na industria pesqueira? Impartida por Camile Cherques, da Organización Internacional de Mulleres na Industria Pesqueira, e cunha pequena intervención de Marie-Christine Monfort, unha das fundadoras desta institución e membro do seu Consello Executivo. Xa pola tarde, celebrarase unha nova mesa redonda, neste caso centrada no papel das mulleres que exercen postos de xestión.

Exposición fotográfica, proxeccións audiovisuais e visitas

Ademais das xornadas institucionais, que poden seguirse vía streaming, o programa de Mulleres do mar, mulleres no mar inclúe tamén a celebración doutras actividades de carácter máis cultural. Dunha banda, desde este luns e ata o vindeiro venres 8 de outubro a escola acolle a exposición fotográfica Sustentabilidade en feminino: achega das mulleres á sustentabilidade do mar, unha mostra itinerante dedicada a recoñecer as achegas das mulleres á economía do mar e a sustentabilidade, desde ámbitos como a educación, a investigación e os oficios propios do mar. Esta iniciativa, que xa leva percorrido diferentes concellos de toda a xeografía galega, está desenvolvida polo grupo de investigación da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, baixo a coordinación da profesora María Álvarez Lires, coa colaboración do Campus do Mar, a Deputación de Pontevedra e a Unidade de Igualdade. 

As proxeccións audiovisuais son outro dos eixes do programa, incluíndo tanto curtametraxes como a proxección da longametraxe A illa das mentiras da galega Paula Cons, con que se realizará un coloquio posterior. Estreada en 2020 en plena pandemia, a película rodouse na illa de Sálvora e nela retrátase a sociedade de principios do século XX en España a través da historia de tres mozas que vivían na illa e que puxeron en risco as súas vidas para salvar aos superviventes do vapor Santa Isabel, que se dirixía a Bos Aires e naufragou fronte á costa da illa de Sálvora. O filme saca á luz a historia de tres mulleres que se saíron da norma establecida para levar a cabo un acto heroico polo que primeiro foron aplaudidas e homenaxeadas, para despois ser vilipendiadas e, finalmente, esquecidas. 

O programa complétase ademais cunha visita ao Museo Massó de Bueu este venres ás 17.00 horas e un percorrido náutico pola ría de Vigo o vindeiro xoves día 7 á mesma hora. Todas as actividades son de balde, se ben se recomenda inscrición previa na web do centro.