O alumnado presentou os proxectos realizados ao longo dos últimos meses
A aprendizaxe colaborativa dá os seus froitos na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía
Optimización do sistema de recarga onboard dunha bicicleta eléctrica mediante a incorporación de sistemas de navegación GPS e inercial e Determinación da lei de propagación de vibracións do terreo son os títulos dos proxectos colaborativos que os alumnos da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Miguel Fojo e Rubén Pereira, no primeiro caso e, Alejandro Loroño e Diego García, no segundo, presentaron recentemente, primeiro ante tribunais expertos e posteriormente diante de membros da comunidade universitaria.
Coa súa exposición pública, o alumnado pon fin o traballo desenvolvido nos últimos meses dentro da aposta da Escola pola aprendizaxe colaborativa, materializada na modificación do plan de estudos dos graos en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e Enxeñaría da Enerxía, nos que se incorporou unha materia específica centrada nesta metodoloxía. Ao abeiro desta iniciativa, que acada a súa segunda edición, os docentes Mario Soilán do Departamento de Enerxía do Recursos Naturais e Medioambientais e Andrés Nogueiras, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica supervisaron o traballo desenvolvido por Miguel Fojo e Rubén Pereira, mentres que os profesores Fernando García do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medioambiente e María Ángeles Saavedra, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa, encargáronse de asesorar a Alejandro Loroño e Diego García.
Seguimento constante do profesorado en todas as fases do proxecto
Nesta aposta da Escola pola metodoloxía de aprendizaxe colaborativa, as e os docentes traballan de xeito conxunto en cada proxecto, orientado ao alumnado durante todas as fases e facendo seguimento constante dos avances. Os proxectos finalizan o seu percorrido coa súa defensa ante tribunais de expertos e, posteriormente, presentándose os resultados máis destacados diante de membros da comunidade universitaria, así como, nesta segunda edición, do alumnado e profesorado de bacharelato do CPR Miralba de Vigo e do IES Valadares. Con este modus operandi ponse de manifesto a importancia de difundir os resultados dos proxectos colaborativos a diferentes colectivos sociais, o que facilita a preparación dos futuros enxeñeiros e enxeñeiras na transmisión dos avances do seu traballo a audiencias con distintos niveis de formación e bagaxes culturais.