Nun proxecto estatal que arrancou en 2024
A Área de Dereito Financeiro e Tributario analiza os desafíos da reforma do financiamento autonómico no marco xurídico da UE
O campus acolleu un simposio académico no marco desta iniciativa
Desde a Área de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Vigo estase a desenvolver desde o ano 2024 un proxecto estatal centrado nos desafíos da reforma do financiamento autonómico no marco xurídico da Unión Europea. Ao seu abeiro e co obxectivo de desenvolver as súas liñas de traballo, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu recentemente un simposio no que especialistas de diferentes universidades europeas analizaron os modelos de financiamento rexional, o poder financeiro das comunidades autónomas e os mecanismos de equilibrio territorial.
O proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, titúlase Os desafíos da reforma do financiamento autonómico no marco xurídico da Unión Europea, arrancou en setembro de 2024 e rematará en decembro de 2027. Liderado e desenvolvido desde a Área de Dereito Financeiro e Tributario, ten dous obxectivos ben definidos, segundo explica o profesor desta área Roberto Ignacio Fernández. Trátase, apunta, por unha banda de “propoñer unha modificación do modelo de financiamento autonómico desde a perspectiva do dereito dos ingresos públicos, co que se alcance un axeitado equilibrio entre a corresponsabilidade fiscal e os principios constitucionais de xustiza tributaria e de solidariedade interterritorial”. O segundo obxectivo, detalla, é propor “solucións xurídicas que permitan compatibilizar un financiamento xusto e equilibrado das comunidades autónomas coas esixencias do dereito da Unión Europea en materia tributaria e orzamentaria”.
Estes dous obxectivos foron tratados e debatidos no simposio académico O sistema de financiamento autonómico: a reforma pendente, celebrado a pasada semana na Facultade de Dereito do campus de Ourense no marco do citado proxecto. O evento estivo dirixido por Roberto Ignacio Fernández e Carmen Ruiz, e coordinado por Luis Miguel Muleiro e Mónica Siota, todos eles membros da Área de Dereito Financeiro e Tributario da UVigo e membros do proxecto. Como entidade patrocinadora tamén estivo a Xunta de Galicia, xa que o grupo de investigación organizador (Dereito Financeiro e Tributario) está recoñecido pola administración autonómica como Grupo con Potencial de Crecemento. Entre as persoas participantes no simposio figuran especialistas de universidades de Salerno, Catania, Niza, Santiago de Compostela, País Vasco e Las Palmas, así como representantes da Axencia Tributaria de Galicia.
Da facenda rexional ao mecanismo de equilibrio territorial
O congreso estruturouse en catro bloques temáticos. O primeiro deles foi a facenda rexional no dereito comparado e o seu encaixe no dereito da Unión Europea. Neste bloque interviron especialistas doutros países para expoñer os distintos modelos de financiamento rexional e de federalismo fiscal existentes na Unión Europea. Ao mesmo tempo abordouse a repercusión que ten o dereito da Unión Europea na descentralización autonómica en materia tributaria. O segundo aspecto tratado foi o poder financeiro autonómico e os actuais modelos de financiamento singular. Tratouse, indican desde a organización, de coñecer as singularidades que ofrecen en España, dunha parte o réxime de concerto económico do País Vasco, e doutra o réxime fiscal de Canarias. Tamén se debateu sobre a corresponsabilidade fiscal no actual modelo de financiamento autonómico e sobre a estabilidade orzamentaria como principio informante do gasto público autonómico.
Outro dos bloques abordados neste simposio foi a configuración xurídica dos tributos cedidos e dos tributos propios nas comunidades autónomas de réxime común. Aquí analizouse o papel do vixente sistema tributario das autonomías e as liñas de reforma que sería convinte levar a cabo para conseguir un sistema de financiamento máis xusto e equitativo. Por último, as e os investigadores afondaron nos mecanismos de equilibrio e nivelación territorial, abordando instrumentos como os fondos de nivelación e de compensación interterritorial e as relacións financeiras entre as comunidades autónomas e as entidades locais.
