DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Delegación de Alumnos de Historia organizou unha xornada con este obxectivo

Arqueoloxía experimental para somerxerse en primeira persoa na prehistoria

Realizaron fundición de metal e actividades relacionadas coa cerámica, o lume e a arte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 13/05/2022

A Delegación de Alumnos da Facultade de Historia do campus de Ourense organizou este venres unha Xornada de arqueoloxía experimental con Árbore Arqueoloxía e Restauración. A actividade centrouse na fundición de metal, podendo as e os asistentes poñerse na papel de habitantes da prehistoria e participar activamente no seu proceso completo, dende a preparación do espazo ata o avivado do lume e o momento de verter o metal fundido nun molde.

Segundo explica Amado Tierra Lozano en nome da delegación de estudantes organizadora, “pareceunos moi interesante recuperar esta actividade” que, apunta, xa se tiña realizado en cursos académicos anteriores pero que nos últimos anos non se fixera debido á pandemia. Aproveitando a mellora da situación sanitaria e as condicións climáticas actuais, engade, decidiron facela este venres contando coa participación de arredor de quince persoas. “A idea desta xornada é facer actividades de metalurxia, cerámica e pintura como se realizaban nas distintas épocas da prehistoria”, explica o alumno. O formato da actividade, engade, “achéganos un coñecemento máis empírico, máis práctico que o das aulas, xa que aquí podes ver como se facían as cousas e participar do seu proceso, algo que nos permite entender mellor o pasado”.  

Proceso completo

Esta actividade de educación patrimonial, feita co colaboración co profesorado da Área de Prehistoria do GEAAT e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, baseouse na experimentación e nun enfoque lúdico e participativo, buscando achegar o pasado da humanidade, concretamente a prehistoria, ao alumnado universitario. O núcleo central da xornada, impartida por Árbore, estivo dedicada á fundición de metal, que se realizou de xeito colaborativo entre todas as persoas asistentes, vendo e participando activamente no proceso completo, dende a preparación do espazo ata o avivado do lume e ata chegar ao momento de verter o metal fundido nun molde.

En paralelo, e dado que o proceso do metal é lento e laborioso, realizaron unha actividade de cerámica, en relación á preparación de materiais para o obradoiro de fundición. Nesta actividade coñeceron distintas técnicas de factura e de decoración de cerámica. Tamén se levou a cabo un obradoiro de lume, atendendo a unha visión diacrónica dos distintos xeitos de acendelo, e amosando técnicas que van da percusión, á fricción con arco o uso do elo de ferro ou o pistón. Para rematar non faltaron actividades relacionadas coa arte, pensadas para experimentar o chamado “efecto Venturi” ou pintar soprando pintura ao xeito das mans en negativo dos xacementos paleolíticos.