DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido por profesorado do Centro de Linguas da Universidade de Vigo

Arranca unha nova edición do curso de español para persoas migrantes

A Deputación ofrece esta formación de balde para que poidan examinarse e obter a nacionalidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 14/06/2021

Un dos trámites imprescindibles para obter a nacionalidade española é acreditar o coñecemento da lingua, para o que as persoas procedentes de países non hispanofalantes deben aprobar o exame DELE A2 que realiza o Instituto Cervantes. Para axudar a aquelas e aqueles migrantes que teñan problemas económicos a facer fronte á preparación desta proba de idioma, a Deputación de Pontevedra leva cinco anos organizando cursos formativos de balde impartidos por docentes do Centro de Linguas da Universidade de Vigo. 

En total ofrécense 55 prazas repartidas en tres cursos que se celebran cada ano. O primeiro deste 2021, con 20 participantes, clausurouse o pasado venres en Vigo, nun acto ao que asistiron a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e a coordinadora académica do Centro de Linguas da UVigo, Mercedes Álvarez. Este luns arrancou a segunda edición deste ano, e fíxoo tamén na sede da Deputación en Vigo coa presenza de Iglesias, acompañada pola directora da Fundación Universidade de Vigo, Josefa Casal e a docente do curso, Belén Arias.

Nesta nova edición serán 15 as persoas migrantes as que se formarán para poder acreditar o seu dominio do idioma español. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra trata de facilitar este trámite aos colectivos con menos recursos que, doutro xeito, non poderían costear a formación precisa para preparar o exame DELE. Os requisitos para poder solicitar unha das 55 prazas que se ofertan cada ano é estar en situación administrativa regular e ser maior de 16 anos. 

Os cursos teñen unha duración de 40 horas lectivas e impártense en diferentes horarios. O que hoxe arranca rematará o vindeiro 2 de xullo e as clases serán de 9.30h a 12.10 horas. A próxima edición será no mes de setembro, concretamente entre o día 13 e o 1 de outubro, pero desta volta na sede da Deputación en Pontevedra. Haberá 20 prazas dispoñibles e a docencia serán en horario de mañá.

Contidos dos cursos

As 40 horas de formación dos cursos teñen como obxectivo que as persoas matriculadas poidan superar o exame DELE A2, para o que deberán ser capaces de comprender frases ou expresións de uso frecuente relacionadas con áreas de experiencia que lles sexan especialmente relevantes, interactuar de forma sinxela e directa sobre aspectos coñecidos ou habituais, describir en termos simples aspectos do seu pasado e da súa contorna e satisfacer cuestións relacionadas coas súas necesidades inmediatas. Así, da man dos docentes do Centro de Linguas prepararán, por unha banda, o exame de comprensión lectora, con actividades para practicar a proba, con textos de exames similares aos reais (instrucións, carteis, correos electrónicos, artigos etc.). Por outra banda, tamén traballarán na preparación da proba de comprensión auditiva, practicando con mostras de audios similares aos das propias probas (avisos, instrucións, material publicitario, anuncios radiofónicos, conversas breves etc.). Outro dos bloques temáticos centrarase na proba de expresión e interacción escrita, para a que practicarán estratexias para escribir de maneira adecuada os diferentes tipos de texto, como impresos, solicitudes, cartas, invitacións, correos electrónicos etc. Finalmente, tamén ensaiarán a proba de expresión e interacción oral, con actividades con mostras similares ás da propia proba oral e vídeos que permitan coñecer o ambiente no que se desenvolven estas tarefas e familiarizarse co material do exame.