DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con pouca ou ningunha familia, retransmisións en directo e quendas

Arrancan esta semana os primeiros actos de graduación presenciais en época de pandemia

Dende este venres e ata finais do mes de xullo irán sucedéndose as celebracións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 09/06/2021

O acto de graduación como fin dunha etapa é un ritual xa moi arraigado nas universidades que, por mor da pandemia, o curso pasado tivo que deixarse en suspenso ou celebrarse en formato virtual. Transcorridos doce meses, a situación sanitaria non permite retomar esta tradición con normalidade pero as escolas e facultades buscaron diversas fórmulas para poder celebralos, como facer quendas, buscar espazos con máis capacidade ou ao aire libre ou retransmitilos en directo para as familias. O primeiro centro que acollerá un acto de graduación presencial en tempos de covid-19 será a Facultade de Ciencias do Mar, este venres e, tras el, ata finais de xullo case todas as escolas e facultades irán despedindo ás novas promocións, e nalgúns casos, ás que remataron o curso pasado e non puideron celebrar o evento.

Ciencias do Mar, en dúas quendas e con familia

A primeira cita será na Facultade de Ciencias do Mar este venres 11 de xuño e con varias quendas para poder reducir o aforo, o que permitirá que os estudantes poidan estar acompañados por tres familiares. Serán, como explica o decano, Miguel Ángel Nombela, “actos breves e sinxelos sen autoridades alleas á UVigo nin actuacións musicais nin pincho” pero cos familiares máis achegados, porque “na nosa opinión é importante que poidan compartir cos graduados e graduadas un día tan especial nas súas vidas”. O primeiro acto será ás 12.00 h, con 16 estudantes do grao e os premios aos mellores expedientes académicos do curso 19-20. Pola tarde, ás 17.30 horas, participarán no acto outros 16 estudantes de grao e catro do Máster Interuniversitario en Oceanografía. 

Para asegurar que todo transcorra acorde á normativa, dende o centro deseñaron un “un decálogo das medidas anti-Covid” que se entregará aos asistentes antes do acto. Ademais, sinalizaranse os accesos, as circulacións de entrada e saída e cada estudante achegará unha listaxe cos datos de contacto dos seus convidados. Os estudantes serán os últimos en entrar no salón, xa coa beca posta e, no seu asento atoparán un sobre de plástico desinfectado co seu diploma e un pin institucional.

EU de Estudos Empresariais e EE de Minas e Enerxía, a próxima semana

O vindeiro xoves 17 será a quenda da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, que elixiu o Auditorio Mar de Vigo para un acto no que se graduarán arredor de 120 alumnos e alumnas do Grao en Comercio, pertencentes ás promocións deste curso e do pasado, e dos mestrados deste ano. O acto non contará coa presenza de familiares, e asistirán a el tan só estudantes e docentes.

A próxima semana será tamén o acto de graduación da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, o día 18 na Sede AFundación, onde recibirán os seus diplomas 30 estudantes da VIII promoción do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, da VIII promoción do Grao en Enxeñaría da Enerxía e da VI promoción do Máster en Enxeñaría de Minas. A directora do centro, Elena Alonso, explica que unha das decisións adoptadas, para dar máis seguridade aos asistentes, foi acurtar o acto, polo que “non haberá lección maxistral nin tampouco ágape”. No que se refire á asistencia de familiares, serán “dúas persoas por estudante”, pero o acto será transmitido en directo a través de UVigoTV para os que non poidan asistir. O programa si comprende unha actuación musical, a cargo do dúo PÄRBO, composto por Begoña Riobó e Anxo Pintos. 

Bioloxía, previsiblemente o 2 de xullo

A Facultade de Bioloxía está actualmente traballando coa vista posta no 2 de xullo para celebrar un acto cos estudantes da actual promoción e do curso pasado. Mercedes Gallardo, a decana, explica que aínda non decidiron se as dúas promocións irán xuntas ou se tamén se optará por facer quendas, unha decisión que dependerá da evolución da situación sanitaria e das restricións. “Na actual promoción son 65 estudantes e da anterior 35, porque non están todos aquí” pero os estudantes previsiblemente non estarán acompañados polas súas familias polas limitación de aforo do espazo. Con todo, non descartan cambios aos respecto, “atopámonos con moita incerteza e aínda nos restan moitas cousas por concretar”. 

CCXX e do Traballo e CC Económicas e Empresariais, os días 9 e 10 de xullo

Tamén agardarán a xullo os estudantes da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. En concreto, o día 9 será o acto do Grao en Dereito, no que recibirán as súas bandas 35 persoas e o día 30 de xullo será a quedan de Relacións Laborais e Recursos Humanos, con 57 graduados e graduadas. Ambos actos serán, como explica o decano, Francisco Torres, “no exterior con dous convidados por cada estudante, sen moito protocolo e seguindo estritamente as medidas de seguridade”. Neste centro queda aínda por definir a data para Relacións Laborais e Recursos Humanos do curso 2019-2020, un total de 46 alumnos e alumnas.

No caso da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a data inicialmente prevista é o sábado 10 de xullo. A idea é que sexan actos ao aire libre para que poidan asistir as familias, “evidentemente adoptando todas as limitacións que indiquen as autoridades sanitarias en canto a capacidade, distancias, etc.”, remarca do decano, Jorge Falagan.

Química e Enxeñaría de Telecomunicación, o 16 de xullo

A Facultade de Química elixiu o día 16 de xullo para celebrar o seu acto de graduación, a partir das 16.00 horas e no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais. Será un evento para a IX promoción do Grao en Química, cun total de 44 estudantes. A decana, Ángeles Peña, explica que “debido ás restricións o aforo é moi restrinxido”, polo que decidiron emitilo en directo para que familias e amigos e a comunidade universitaria o poida seguir dende a casa ou tamén dende o propio centro, onde “se acondicionarán estancias a maiores”.  Por outra banda, a decana tamén avanza que o alumnado do máster de Investigación Química e Química Industrial e do máster en Nanociencia e Nanotecnoloxía está a organizar un acto conxunto o día 23 de xullo, no que recibirán as súas bandas 17 estudantes.

Na  Escola de Enxeñaría de Telecomunicación a data escollida é tamén o 16 de xullo e o evento terá lugar no salón de actos da escola, “sen familia nin persoas alleas ao centro”, como explica a directora, Rebeca Díaz. Primeiro terá lugar a cerimonia para os estudantes de grao e, tras un descanso dunha hora, arrancará a do mestrado. “Será un acto moi familiar, no que o alumnado estará acompañado pola súa familia académica, moito máis reducido que o habitual, garantindo en todo momento das condicións de seguridade”.

Escola de Enxeñaría Industrial, ao aire libre a finais de xullo

O acto de graduación da Escola de Enxeñaría Industrial é o máis multitudinario do campus, no que se adoitaban dar cita o alumnado de todos os graos e os mestrados da escola. Neste curso son máis de 300 estudantes, polo que moi probablemente o acto non poida ser conxunto e se realice por quendas, como avanza o director da escola, Juan E. Pardo. Está previsto na última semana de xullo, “xa coa actividade e os exames rematados para evitar que poida afectar ao remate do curso”. A decisión final dependerá do número de persoas que se anoten e do tipo de restricións que haxa nese momento. Para que as familias o poidan seguir, están barallando a posibilidade de retransmitilo en directo. “Pretendemos que este curso non se perda a ilusión e que o alumnado teña un acto en recoñecemento ao esforzo e sacrificio deste último ano, pero debemos ser moi prudentes e ter en conta todos os protocolos para que rematemos o curso sen ningunha incidencia”. 

Filoloxía e Tradución agardará uns meses

Un dos centros que optou por non organizar os actos de graduación nesta recta final de curso é a Facultade de Filoloxía e Tradución. O equipo decanal, tras reunirse con representantes do alumnado, decidiu aprazar a celebración para cando se poida levar a cabo “como este acto merece”, explica a vicedecana Inmaculada Anaya. O decanato comprometeuse co alumando a retomar a organización do acto nos próximos meses, “sempre e cando a situación sanitaria permita celebrar un acto digno”. Ademais barallan que na data que se elixa se celebra tamén a graduación do alumnado do curso pasado que, polos mesmos motivos, non tivo oportunidade de celebrar o peche desta etapa universitaria.