A cita terá lugar os días 24 e 25 de setembro na Facultade de Ciencias
Arredor de 150 persoas participarán no I Congreso Transnacional do Campus Auga Xuventude Investigadora
O seu programa centrarase en alimentación, agricultura, medio ambiente e augas termais
O I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25) reunirá os vindeiros 24 e 25 de setembro arredor 150 persoas, maioritariamente “mozas e mozos investigadores de distintas disciplinas para compartir ciencia, talento e futuro”. O lema escollido para esta primeira edición é Novos retos en alimentación, agricultura, medio ambiente e augas termais, en consonancia coas liñas estratéxicas do Campus Auga.
Aquaxi´25 está organizado polo Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. O evento conta cun comité organizador formado por un equipo multidisciplinar de investigadoras e investigadores vinculados ao Campus Auga e un comité científico tamén composto por un amplo grupo de persoal investigador de Galicia e do norte de Portugal, en liña coa implicación do Campus Auga no espazo eurorrexional.
O evento foi presentado este martes no edificio Campus Auga nun acto no que Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, deu os parabéns ao equipo organizador pola posta en marcha da primeira edición dun congreso que, apuntou, nace con vocación de continuidade e como mostra “do nivel de investigación que temos neste campus”. O responsable académico amosou o orgullo da Universidade polo capital investigador de “moitísima potencialidade” que agrupa o Campus Auga e amosou o seu desexo de que Aquaxi´25 sexa “o mellor escaparate para que a xente o coñeza”.
Pola súa banda, Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, salientou o carácter pioneiro dun evento que, dixo, “nace para dar a coñecer o sobresaínte potencial investigador que temos”. A celebración deste congreso, sinalou, enmárcase nunha das tres liñas de acción estratéxicas do Campus Auga, o de transferencia e innovación. Na súa intervención, puxo ademais en valor o carácter transnacional de Aquaxi´25, que dedica especial atención ao norte de Portugal; a súa aposta polo impulso da xuventude investigadora e o feito de ser “un espazo de diálogo, de difusión de resultados e de transferencia de coñecemento”.
En nome do comité organizador, Pedro Ferreira Santos e Patricia Gullón quixeron agradecer o apoio recibido de entidades e empresas, destacando a implicación non só das tres universidades galegas senón tamén de institucións lusas como as universidades de Porto, Minho e Trás-os-Montes e Alto Douro, o Instituto Politécnico de Bragança e AquaValor.
Tres liñas de traballo
Aquaxi´25, que se celebrará no edificio Politécnico do campus, nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. O congreso está especialmente pensado para persoal investigador en formación, tanto en etapas predoutorais como posdoutorais, estudantado e persoas que inician a súa traxectoria científica. Con todo, a iniciativa está aberta tamén a persoas cunha traxectoria investigadora consolidada que desexen contribuír ao enriquecemento científico e académico do encontro. A elas e eles, o congreso quere ofrecerlles “unha oportunidade valiosa para presentar traballos nun ambiente accesible e enriquecedor, favorecendo tanto o desenvolvemento profesional como o crecemento persoal”.
Ao longo dos dous días de celebración, no congreso presentaranse arredor de 25 comunicacións orais e 85 pósters, xirando arredor de tres eixes temáticos, en consonancia coas liñas estratéxicas do Campus Auga. O primeiro é alimentación funcional, abranguendo desde a alimentación sostible, circular e valorización de subprodutos ata a biotecnoloxía, a trazabilidade e a calidade alimentaria. O segundo eixe é agricultura e medio ambiente, abarcando desde as funcións do solo e servizos ecosistémicos ata a agricultura intelixente, de conservación, rexenerativa e resiliente. Por último, está a xestión da auga termal, con temas como a xestión dos seus xacementos e os seus usos indirectos e lúdicos. Complementariamente tamén se abordarán cuestións de intelixencia artificial, economía circular e lexislación agroalimentaria e ambiental.
Co obxectivo de recoñecer o talento e o esforzo das mozas e mozos investigadores que participarán coas súas contribucións, a organización outorgará diferentes premios (ao mellor póster, comunicación oral e idea innovadora) e tres distincións ao mellor traballo predoutoral (incluíndo grao, mestrado e doutoramento e concedendo unha distinción para cada unha das liñas principais do congreso).
