DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consiste nunha proba que combina carreira e probas físicas

Arredor de 200 persoas participarán o domingo na Games Series Ourense 2025

A actividade terá lugar nas pistas de atletismo do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 05/06/2025

As pistas de atletismo do campus de Ourense acollerán este domingo, día 8 de xuño, o evento Games Series Ourense 2025. A competición, na que están inscritas arredor de 200 persoas, consiste nunha carreira de fitness exterior na que se combinan 4 km de carreira e 9 estacións (probas físicas) de maneira intercalada. 

Games Series Ourense 2025 está organizada pola entidade Deporte Híbrido e o colectivo Hércules, contando co apoio da Vicerreitoría do campus, a Xunta Galicia, a Deputación e o Concello. A iniciativa foi presentada este xoves nas pistas de atletismo universitarias contando coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Aníbal Pereira, concelleiro de Deportes de Ourense, e Thor López, Álvaro Sánchez e Carlos Abal, membros da organización da competición. 

Fomentar unha nova modalidade deportiva

O obxectivo principal de Games Series Ourense 2025 é a difusión desta “nova modalidade deportiva que está a establecerse en todo o mundo e que fomenta os principais valores do deporte e da saúde”. Pódese participar de xeito individual ou en parellas (masculinas, femininas e mixtas), sendo necesario ter un mínimo de 16 anos de idade o día da competición. A proba en Ourense forma parte do circuíto Games Series 2025 que percorre as principais cidades galegas. 

A proba comezará arredor das 09.00 h cunha carreira de 400 metros, seguida dunha estación (exercicio físico), repetindo esta secuencia ata completar as 9 estacións e rematando a proba cunha última carreira de 400 metros, completando así os 4 km de distancia. As estacións son: remo (500 metros); subidas ao caixón (30 repeticións alternando lado do caixón); porteo atlas (100 metros con balón de 30 quilos); paseo do granxeiro (200 metros con dúas garrafas de 20 litros); abdominal con balón á diana (30 repeticións con balón de 7 quilos); zancadas con saco (60 metros co saco de 20 quilos); reptadas (50 metros reptando polo solo); volteo de roda (20 metros de volteo) e burpee salto (60 metros).