DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso internacional Fugas e Interferencias regresa tras o parón pola pandemia

A arte de acción volve tomar Pontevedra

É único evento académico centrado na performance que se desenvolve en España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/09/2021

De igual xeito que a docencia, a cultura ou o deporte van pouco a pouco recuperando a normalidade, tamén a arte regresa ás súas citas ineludibles. Así, o Congreso internacional Fugas e Interferencias, o único de carácter académico centrado na performance en España, tamén volve hoxe á cidade de Pontevedra. Tras non poder celebrar a edición de 2020, dende este xoves e ata o sábado, este simposio regresa con forzas renovadas e cun 100% de presencialidade nas súas dúas sedes, a Vicerreitoría do campus e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O programa combina conferencias, mesas de presentación de comunicacións e performances e arrancou esta mañá co acto de apertura ao que asistiron Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra e Marta Pol e Carlos Tejo, directores do congreso. Soto foi o encargado de darlles a benvida aos asistentes e poñentes coa ledicia de poder “estar de volta”, sobre todo cando se trata dun simposio de arte en acción, unha disciplina que se basea na expresividade a través do corpo, “que precisa da presencialidade”. O vicerreitor tamén felicitou aos organizadores por todo o traballo e “paixón” que poñen para sacar adiante un evento que chega xa á súa sexta edición.

Tanto Carlos Tejo como Marta Pol destacaron tamén que se trata dunha “edición moi especial,  tras un ano de parón obrigado, na que apostamos pola presencialidade total, porque temos que poder vernos as caras, conversar e intercambiar opinións de novo”. Pero tamén é especial, apuntaba Pol, polos contidos que dan forma ao programa, “facendo moito fincapé en temas moi contemporáneos, revisións dos anos 90, reflexións sobre como se desenvolveu a arte de acción e sobre en que punto estamos e como nos proxectamos ao futuro”. O congreso tamén porá o foco na relación entre a arte de acción e aspectos como o feminismo, o mundo transxénero, as novas masculinidades ou os límites entre a performance e outras disciplinas como a danza ou as creacións virtuais. 

Reflexión e práctica da arte en acción

En total, neste congreso presentarán os seus traballos máis dunha vintena de investigadoras de universidades de España, Portugal e México no marco dun programa que, segundo remarcaba Tejo “ten pasado por unha rigorosa selección da man dun meticuloso comité científico formados por expertos e expertas tanto do panorama nacional como internacional”. Así, a programación cubre un amplo espectro de intereses e aproximacións á arte de acción e a través de todos os contidos que se presenten nesas tres xornadas “trataremos de construír un marco teórico contextual capaz de analizar novos camiños na práctica da performance”. Con este obxectivo, os organizadores subliñan “a importancia da performance como parte integrante dos procesos artísticos contemporáneos para tentar superar os límites impostos polos clásicos enfoques académicos”. 

Tras o acto de apertura arrancou a primeira das seis mesas de presentación de investigacións programadas, articuladas arredor de catro eixos de análise propostos polo comité científico. A primeira delas da man da investigadora independente Blanca Molina Olmos que se centrou en explorar as fronteiras da danza. Tras este primeiro relatorio, a arte tomou a rúa con Abstinencia, unha proposta dos estudantes de Belas Artes Xiana Santiago e Pablo Santiago. Deste xeito, o congreso serve tamén como plataforma de difusión de traballos do alumando ao tempo que se reforzan os vínculos da Universidade de Vigo coa cidadanía de Pontevedra. 

Seis mesas de traballo e catro eixos temáticos

O congreso continúa esta tarde, mañá venres e o sábado no CGAC coa presentación de 14 estudos e dúas conferencias plenarias. A primeira, hoxe xoves da man de Jaime Vallaure, e a segunda, o sábado, a cargo de Maite Garbayo, “unha reputada investigadora sobre estudos de xénero e performance”.

O programa comprende seis mesas de debate que se organizan arredor de catro eixos temáticos. O primeiro deles céntrase nas reflexións teóricas da arte de acción e, como explica Tejo, trata de “contrastar as distintas aproximacións teóricas a esta disciplina complexa, poliédrica e heteroxénea que non se axusta a canles convencionais. A idea é, a partir dunha reflexión teórica, poder elaborar un marco contextual do que é a performance na actualidade”. Outro dos eixos temáticos é a acción e as súas interseccións. “O obxectivo é investigar o carácter híbrido da arte de acción e como esta práctica ten evolucionado ata incorporar estratexias visuais como a videoacción, a fotografía ou as artes escénicas contemporáneas. Trátase de analizar todas as interseccións da propia práctica e a súa hibridación con outras disciplinas”. Un terceiro bloque temático aborda as posibles interaccións entre a arte de acción e o contexto político coa finalidade de “investigar como a performance desenfoca suposicións moi diversas e pode traspasar os límites do poder establecido”. Entre outras aproximacións está a natureza da arte de acción dende unha perspectiva de xénero, a arte e a teoría queer ou as novas masculinidades, estas dúas últimas pouco analizadas no eido da investigación. Finalmente, o cuarto bloque temático xira arredor do comisariado de arte de acción, unha temática que segundo Tejo é “especialmente relevante xa que a performance é unha arte bastante indómita neste sentido, que se afasta dos espazos convencionais da arte, as institucións museísticas e das galerías”.