DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Ignacio Pérez-Jofre impulsa un proxecto de intervencións no espazo público 

Arte e ecoloxía sairán á rúa os últimos venres de cada mes

A primeira acción incidiu na contaminación provocada polos coches

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/03/2023

Promover unha intervención artística no espazo público o último venres de cada mes, que parta do uso de materiais reciclados e que teña como obxectivo contribuír á concienciación respecto das problemáticas ambientais. Estas ideas articulan O último venres, unha iniciativa impulsada polo profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre, que ten como obxectivo promover cada mes unha intervención cun “carácter de arte activista, enfocada á sensibilización sobre un feito tan importante como é o cambio climático”, explica. Esta proposta botou a andar o último venres de febreiro cunha instalación na avenida de Uruguai na que podía lerse por favor, apaga el motor, acción que nesta xornada levouse a cabo de novo na rúa Alfonso XIII. 

“O proxecto nace da miña sensación de que na facultade non estamos dando unha resposta desde a arte aos problemas ecolóxicos e ao cambio climático”, recoñece Pérez-Jofre. Partindo deste escenario, o docente e artista decidiu impulsar a proposta de “realizar o último venres de cada mes unha acción ou intervención no espazo público”. Tomando como punto de partida un nome “que soa un pouco apocalíptico”, recoñece, e que busca incidir tamén nos efectos da crise ambiental, a idea de Pérez-Jofre é ir convidando cada mes a artistas, “tanto da facultade como de fóra, aos que lles apeteza” sumarse a unha proposta articulada en torno a “tres condicionantes”. Por unha banda, deberán ser accións “cunha vontade de comunicar e unha mensaxe moi clara en torno ao cambio climático e o tema da ecoloxía”, xa que se trata dun proxecto máis enfocado cara o “artivismo” que cara “a subxectividade e as moitas lecturas que pode ter a arte”. En segundo termo, trataríase de intervencións que se leven a cabo “no espazo público e que poidan ser vistas por un público casual” e, finalmente, a terceira condición é que “non xeren residuos nin custos, nin sexan elas mesmas contaminantes”, de tal xeito que se leven a cabo con materiais reciclados ou sen materiais. “Gustaríame moito que se fose expandindo”, recoñece Pérez-Jofre, que apunta á posibilidade de que artistas poidan levar a cabo noutras localizacións accións conectadas coas datas e as características desta proposta. 

“Por favor, apaga el motor”

O punto de partida deste proxecto foi a intervención efémera que Pérez-Jofre levou a cabo o último venres de febreiro na avenida de Uruguai, onde, valéndose dunhas letras feitas a partir de cartóns atopados na rúa, plasmou a mensaxe por favor, apaga el motor. “Instalámola alí dunha forma moi efémera”, recoñece e isto motivou que este venres optase por levar de novo a cabo esta acción na rúa Alfonso XII, coa idea de que poida permanecer máis tempo á vista dos transeúntes. A proposta, explica, era trasladar “unha mensaxe moi directa”, coa que pór o foco na necesidade de “deixar de utilizar combustibles fósiles e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro”.

Pérez-Jofre realizou esta acción xunto cos estudantes de doutoramento Julio Catalán e Álex Fuertes, “que van a participar en todo o desenvolvemento do proxecto” e que desenvolven ademais investigacións “directamente relacionadas co material atopado, a ecoloxía e o reciclaxe”; así como coa tamén alumna de Belas Artes Cristina Rus, que preparará tamén unha acción para este proxecto. 

Un “paseo colectivo” en torno ás árbores da cidade

Julio Catalán será ademais o responsable da segunda acción deste proxecto, que terá lugar na tarde do venres 31 de marzo. Trátase, como explica, “dunha especie de paseo colectivo para visitar árbores”, aberto á participación das persoas interesadas. Esta “acción situacionista”, como a define Pérez-Jofre, permitirá pór “a mirada nun elemento tan importante para a vida urbana como son as árbores”, a través dun percorrido polas rúas da cidade. A actividade arrancará ás 17.30 horas a carón do magnolio situado na rotonda que conecta a avenida Eduardo Pondal coa rúa Poeta Uxío Novoneira e a rúa do Gorgullón.