DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadoras e investigadores de Belas Artes participan na exposición ‘Espirales Trasatlánticas’

A arte gráfica de campo expandido do grupo dx5 trasládase a Bienal de La Habana

Este evento contribuíu tamén a sinatura dun acordo co Instituto Superior de Arte de Cuba

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Investigación
  • Cultura
DUVI Pontevedra 27/11/2024

Desde o 15 de novembro, La Habana acolle a súa décimo quinta bienal de arte contemporánea, á que o grupo dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes achega un conxunto de obras que permiten afondar na súa liña de traballo centrada na arte gráfica de campo expandido. Este equipo de investigadores e investigadoras foi convidado a participar na exposición Espirales Trasatlánticas, promovida polo espazo artístico Factoría Diseño e que afonda na relación entre a arte e a artesanía de Galicia e Cuba. Na mostra, que poderá visitarse ata o 28 de febreiro, preséntanse as creacións das investigadoras e investigadores Ana Soler, Almudena Fernández Fariña, Anne Heyvaert, José Andrés Santiago, Antía Iglesias e Carlos Fer, ás que o grupo dx5 suma as propostas das artistas convidadas Esther Pizarro e Elena Jiménez.

Axustándose á temática desta XV Bienal de La Habana, que se desenvolve baixo o lema de Horizontes Compartidos, o grupo dx5 achegou a Cuba un proxecto expositivo que dá continuidade ao VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira. O múltiple que ocupa o espazo, que tivo lugar en Pontevedra nos meses de maio e xuño. Este, sinalan, tiña como obxectivo “reflexionar sobre como a clásica bidimensionalidade da gráfica transitou cara a busca dunha experiencia artística máis profunda e inmersiva”, que denominan “gráfica de campo expandido”. De feito, as e os artistas que participan en Espirales trasatlánticas formaron parte previamente na exposición Simbiose, que se desenvolveu no Pazo da Cultura no marco deste foro. 

A participación dos investigadores e investigadoras na apertura desta exposición contribuíu tamén a facilitar a sinatura dun acordo marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Instituto Superior de Arte de Cuba, que a directora do grupo, Ana Soler, abordou cos responsables desta institución, no marco dunha visita ás súas instalacións.

Propostas que invaden o espazo

Xunto ás propostas do grupo dx5, Espirales Trasatlánticas explora tamén esa relación entre Galicia e Cuba a través das creacións achegadas pola Fundación Didac, a Axencia Galega de Innovación e a Fundación Artesanía de Galicia, das obras de Leopoldo Nóvoa ou das propostas dunha quincena de artistas e deseñadores cubanos. No caso do equipo investigador da UVigo, na exposición preséntanse tanto pezas que previamente puideron verse en Simbiose, como novas obras de participantes na mostra. Así, en Factoría Diseño poden contemplarse instalacións como Red de localizadores. Impermanencia, interdependencia y vacuidad, na que Ana Soler traza “unha metáfora do pensamento complexo e as relacións sistémicas en rede que se dan a contemporaneidade”, na que fai uso da iconografía propia dos localizadores de posición de Google. Fernández Fariña, pola súa banda, achega a esta mostra Etendoir, unha obra na que formula “unha reconstrución dos elementos que integran unha pintura, mostrando a realidade material dunha pincelada e a súa calidade como unidade mínima de expresión”; mentres que Heyvaert presenta Pasajes desplegados, unha obra conformada por un conxunto de imaxes de espazos arquitectónicos baleiros. 

Outra das pezas que previamente puideron verse en Pontevedra é A la deriva, instalación composta por máis de 1500 papeis adhesivos que presentan serigrafiados fragmentos do mapa de Kyoto, realizada por José Andrés Santiago, que recentemente acadaba o XIX Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica con outra obra desta mesma serie. Antía Iglesias, pola súa banda, amosa na bienal Deconstrución vegetal especulativa, un conxunto de pezas resultado da tese que realizou no doutoramento do Campus Crea e na que traballou na creación de papeis e tintas a partir de residuos de plantas exóticas e invasoras. Finalmente, as propostas do grupo dx5 complétanse cun tríptico pictórico inspirado nas cores de coches clásicos que poden atoparse en La Habana, realizado polo investigador Carlos Fer, que hai unhas semanas era galardoado co premio do público no VII Festival Internacional de Cine Intersección da Coruña.

Un mural colaborativo que fala de diversidade e inclusión

Máis aló da bienal que se desenvolve en Cuba, a Facultade de Belas Artes acolle nestes días, na sala O Abrigo, a exposición Flores Imposibles, resultado da colaboración de cinco alumnas do centro na feira da saúde e benestar PonteSán. Inaugurada este luns coa participación da vicepresidenta do Consejo Español para la Defensa de la Discapacidad y la Dependencia (CEDD), Ángela Paz, nesta mostra pode contemplarse unha pintura mural de cinco metros realizada no marco desta feira. Resultado do traballo conxunto de Elena Pérez, María Rodríguez, Lucía Villar, Violeta de Castro e Mónica Pérez, o obxectivo desta obra “é falar da diversidade, a superación persoal e a normalización das distintas discapacidades, tanto psíquicas como físicas”, como sinalan desde o colectivo Lupercais, que se encarga de coordinar este espazo expositivo. Con ese propósito, as artistas deron forma a un mural que emprega distintas formas de vexetación como un símbolo para falar da diversidade e que se mostra nesta exposición xunto a unha serie de fotografías do proceso de traballo.