A docente participa nunha iniciativa que proxectará obras de artistas españois nesta praza
A arte de Yolanda Herranz viaxa a Times Square e arredor da lúa
A súa obra busca reivindicar a presenza das mulleres
A catedrática de Escultura da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz participa na iniciativa Spanish Art in New York, promovida polas galerías Oriente e Occidente e Santana Art Gallery e que levará as creacións de doce artistas españois a ser proxectadas nunha das pantallas comerciais que poden atoparse en Times Square. A artista e docente toma parte nesta iniciativa cunha peza na que pode lerse, en castelán e inglés, o texto “somos mulleres e estamos aquí”, título tamén dunha performance que presentaba recentemente en Vigo, no peche da exposición colectiva Compartir es vivir / Sharing is living. Dirixida a reivindicar a presenza das mulleres na arte, o título desta peza foi empregado tamén por Herranz para unha “acción simbólica” que levou unha referencia desta obra ao espazo, ao incluíla na convocatoria aberta pola Nasa para as persoas que quixeran incluír o seu nome nunha memoria que viaxou na nave Orion, da misión Artemis II.
Como explica a tamén directora do grupo de investigación ES2, unha vez completadas as xestións por parte dos promotores desta exhibición en Nova York será o sábado 18 de xullo a xornada na que as obras das e dos doce artistas participantes nesta iniciativa proxectaranse nunha pantalla de 160 metros cadrados. Estas poderán verse ao longo de toda a xornada, no marco dunha iniciativa que permite levar as súas obras ao que “está considerado o cruce de camiños máis transitado do planeta”, como salienta Herranz. Esta artista e docente, que traballa “coa palabra como material artístico desde hai máis de 40 anos”, optou por sumarse a esta proposta cunha peza que define como unha “imaxe reivindicativa” e coa que busca pór de relevo que “ser mulleres non é unha categoría fixa, senón unha multiplicidade da vida, unha identidade en expansión, unha pluralidade irredutible”. Nese senso, co termo ‘somos’ busca pór de relevo a existencia, “incluso cando non é vista”, mentres que a verba ‘estamos’ implica manifestarse, “facer visible o que xa é verdadeiro”.
Xunto a Herranz, nesta iniciativa participan tamén coas súas obras o que fora catedrático da facultade ata a súa xubilación Jesús Pastor e a artista e colaboradora do grupo ES2 Celeste Garrido.
Unha acción que viaxou ao espazo
Somos mujeres y estamos aquí é tamén o título dunha performance que Herranz desenvolveu por primeira vez no Museo Provincial de Lugo en 2015 e que a finais de abril desenvolvía por sétima vez no acto de clausura da exposición Compartir es vivir, na sede da Deputación en Vigo. Con Herranz e Garrido como comisarias, esta mostra itinerante reúne as obras de 15 artistas de seis países co obxectivo de reivindicar o papel das mulleres artistas. Coa participación de once artistas, profesoras e estudantes de Belas Artes, Herranz levou a cabo no seu peche unha acción sustentada no recitado de preto de 1400 termos, todos eles palabras en feminino e plural, cos que buscaba, sinala, tanto “a reivindicación dunha identidade historicamente tensionada”, como a “ocupación consciente dun espazo discursivo, social e territorial”.
“A imaxe que levo agora a Nova York é unha reflexión do que todo isto implica”, recoñece a artista, que busca trasladar “toda a potencialidade poética da linguaxe” a pezas que teñen na palabra o seu “material central” e coas que busca unha “toma de lugar político e simbólico”. Con ese mesmo propósito, Herranz tomou parte nunha iniciativa promovida pola Nasa que, con motivo da misión Artemis II, convidou á cidadanía a rexistrar os seus nomes para que viaxasen de xeito simbólico arredor da lúa, nunha tarxeta de memoria que se colocou na nave espacial Orion. “Eu o que quería é que viaxase a performance”, recoñece a catedrática, que aproveitou esta iniciativa para incluír unha referencia a Somos mujeres y estamos aquí nesa memoria, que percorreu, lembra, máis de 1.100.000 quilómetros. “É unha cuestión simbólica, pero tamén reivindicativa”, salienta Herranz, que buscaba con esta iniciativa pór de relevo que “unha afirmación de que calquera proxección futura do humano deberá recoñecer a pluralidade de voces, corpos e identidades que a constitúen”.
Publicación de ‘El autorretrato (del artista)’
A estas iniciativas sumábase nas últimas semanas a publicación do libro dixital El autorretrato (del artista). Sombras. reflejos y reflexiones, que recolle a lección inaugural do curso 2023/2024 no Sistema Universitario de Galicia, que Herranz impartía nun acto desenvolvido na UVigo e na que trazaba un percorrido polas diferentes concepcións do autorretrato ao longo da historia da arte. A publicación atópase así mesmo incluída no repositorio Investigo da Universidade.
