DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aida Ovejero centrou a súa tese na cuantificación, caracterización e seguimento deste indicador

A artificialización litoral, unha ferramenta útil na xestión costeira sostible 

O incremento de superficies artificiais implica impactos como a perda de biodiversidade

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 21/01/2022

As graves consecuencias que para a sostibilidade do ecosistema teñen as actividades e usos que se desenvolven na costa, levaron á investigadora do departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo Aida Ovejero Campos a centrar a súa tese de doutoramento no estudo da artificialización da zona costeira, así como no desenvolvemento dunha ferramenta que sirva de apoio na toma de decisións na planificación e ordenación destas áreas, favorecendo ademais unha xestión integrada. “A artificialización defínese como o incremento de superficies artificiais e este aumento implica impactos como a perda de biodiversidade, a fragmentación de hábitats, o selado do solo, a dispersión urbana, os impactos económicos derivados da perda de terreos agrícolas, ou os impactos nos ciclos da auga ou do e o carbono”, explica a autora da investigación La artificialización de la zona costera: cuantificación, caracterización y seguimiento, dirixida polos docentes e investigadores da UVigo Gonzalo Méndez e Emilio Fernández. 

A tese inclúe a elaboración de tres estudos, centrados nos cambios na ocupación do solo, traballados a tres escalas: un primeiro da costa da Península Ibérica (incluída tamén a costa portuguesa); un segundo estudo centrado en Galicia e un terceiro localizado na ría de Vigo. Logo de decidir reducir a área de traballo á comunidade autónoma galega, como principal resultado da investigación atopouse que, a pesares da diminución da poboación, a construción de novas edificacións e o número de hectáreas artificializadas aumentou ao longo do período de estudo (2005-2014). “Cómpre destacar que o comportamento entre as variables socioeconómicas analizadas e os patróns de ocupación do solo foron diferentes naquelas  zonas costeiras con presenza de áreas urbanas, con capacidade de desenvolver actividades industriais, e as carentes delas. Ademais da relación existente entre os cambios na ocupación do solo e as variables socioeconómicas, os datos de ocupación do solo para cuantificar os servizos ecosistémicos (beneficios que achegan os ecosistemas aos seres humanos) prestados pola costa galega, así como para avaliar a súa evolución no tempo”, explica a investigadora, que confirma que esta última análise desvelou taxas de descenso de nos servizos ecosistémicos de provisión (cultivos, biomasa para enerxía, forraxe, madeira, peixe ou auga potable) e regulación (do clima global e local, da calidade do aire, do fluxo da auga ou da erosión, entre outros).

Utilidade do indicador de artificialización litoral na xestión costeira sostible

Tendo en conta que a zona de contacto entre o mar e a terra, ou interfase terra-mar, achega un elevado número de servizos ecosistémicos e está sometida a unha elevada presión e deterioro, a investigación apunta á planificación territorial e urbanística como un instrumento básico á hora de tomar decisións orientadas a salvagardar esta área, e os indicadores convértense en ferramentas moi eficaces á hora de medir condicións e tendencias dos procesos de relevancia, neste caso da artificialización. “A análise dos indicadores existentes conduciu á identificación de dúas lagoas: dunha banda, a ausencia de datos de ocupación do solo a escala de detalle, e doutra, a ausencia de compoñentes que fagan referencia a potenciais impactos do proceso de artificialización, como a afección á conectividade (entendida como posibilidade ou non de conexión entre o mar e o lado oposto da franxa costeira analizada), a capacidade dos usos e actividades para atraer novos usuarios, ou o seu efecto sobre a sostibilidade (afeccións ao ciclo da auga, de materiais, xeración de contaminantes)”, detalla Aida Ovejero.

A partir de aí,  xerouse unha cartografía de ocupación do solo de detalle da ría de Vigo e deseñouse un indicador de artificialización litoral que integrou os aspectos antes citados, ademais de seleccionarse como zona de traballo a franxa delimitada polas ocupacións en dominio público marítimo terrestre e a servidume de protección. “Isto permitiu analizar paralelamente a efectividade la Ley de Costas, demostrando que a súa aplicación non garantiu unha correcta conservación do medio ambiente, xa que os valores do indicador empeoraron nos anos analizados (2003-2017). Se ben a impermeabilización do terreo resultou ser a variable con maior influencia na artificialización, o indicador permitiu detectar procesos de artificialización máis aló dos detectados cando só se analiza esta variable”, apunta a investigadora, que tamén desvela que a contribución das compoñentes conectividade e metabolismo antropoxénico, que representa os intercambios de materia e enerxía que provocan distintos usos e actividades atendendo ao consumo de enerxía, auga ou xeración de residuos, foi variable, podendo ser cada unha delas responsable de ata un 50% do incremento da artificialización. “Este indicador de artificialización litoral preséntase como unha ferramenta útil na xestión costeira sostible, podéndose aplicar en plans de ordenación, ata escala municipal ou de máis detalle, nun primeiro momento como indicador de estado, en fases máis avanzadas como indicador de seguimento, ou como ferramenta de validación de ditos plans”, conclúe a investigadora do departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo.