DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pola súa banda, Tomás Aparicio gañou o premio a mellor orador 

A Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo proclámase campión no I Torneo de Debate Índalo

A competición estivo organizada pola Universidad de Almería

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/03/2023

A Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo suma unha nova vitoria ao seu palmarés, tras proclamarse gañadora do I Torneo de Debate Índalo, organizado pola Universidad de Almería. O equipo formado por Tomás Aparicio Ayán e Inés Túñez Ferrín foi quen de superar as rondas clasificatorias nas que debateu cos representantes das universidades Loyola Córdoba, Jaén, Málaga, Pontificia de Comillas e Esade, e chegar á final, na que novamente se mediron ao equipo da Universidad de Jaén.

É positiva a influencia estadounidense no noso país? foi o tema sobre o que debateron os equipos que participaron no torneo disputado a fin de semana en Almería e no que Tomás Aparicio se proclamou mellor orador do torneo. A vitoria do equipo da UVigo outórgalle a segunda praza para a final da Liga Española de Debate Universitario, o que lles permitirá levar dous equipos en representación da asociación á competición que se celebrará en Córdoba o vindeiro mes de outubro.

Unha vitoria froito do traballo e da paixón 

Tomás Aparicio asegura que o logro acadado en Almería “é froito do traballo e a paixón que sempre dedicamos aos torneos e ao debate. Traballamos moito nestes últimos meses e supón unha gran satisfacción conseguir esta vitoria”. En canto ao seu premio como mellor orador do torneo, Aparicio asegura non ter palabras para describir a sensación de recibir o galardón. “De entre tantos bos oradores, recibir este premio, éncheme de satisfacción. Cando salgo a debater trato de facer o que meu formador me ensinou: disfrutar cada intervención”, asegura.

Logo do torneo Índalo, o torneo nacional da Universidad de Jaén e o Foro de debate estudantil de igualdade da Universidad de Salamanca, serán as próximas citas da Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo, que segundo Tomás Aparicio, “suma cada vez máis membros, con ganas e máis ilusión de seguir crecendo”.