DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi un dos distinguidos co galardón Referente Aidea na área de seguridade acuática 

A Asociación Iberoamericana de Educación Acuática premia a traxectoria do profesor Roberto Barcala 

Os galardóns anunciáronse no marco dun congreso internacional en México

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Premios
  • Académica
DUVI Pontevedra 05/10/2022

Co obxectivo de pór en valor e dar visibilidade o traballo de investigadores e investigadoras de diferentes países, a Asociación Iberoamericana de Educación Acuática Especial e Hidroterapia (Aidea) impulsou uns “premios internacionais de recoñecemento a investigadores ilustres no campo das actividades acuáticas”, cos que, na súa primeira edición, decidiu recoñecer a traxectoria do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Roberto Barcala. Coordinador do grupo de investigación en Rendemento e Motricidade do Salvamento e Socorrismo (Remoss), Barcala foi un dos galardoados co premio Referente Aidea na área de seguridade acuática. 

O fallo destes premios deuse a coñecer na noite deste martes no IV Congreso Internacional de Actividades Acuáticas de Monterrey, que se desenvolve nestes días na Universidad Autónoma de Nuevo León, en México. “Que alguén premie o esforzo que realizas en torno a algo que che apaixona, como é neste caso a prevención acuática, o salvamento e o socorrismo, sempre é unha satisfacción e un estímulo”, salienta Barcala, quen participaba por videoconferencia nun acto no que Aidea puxo en valor os preto de cen artigos en revistas científicas que publicou ao longo da súa traxectoria. “É certo que son moitas publicacións, pero en ningunha son o único autor”, lembrou Barcala, que fixo énfase na súa intervención en que “a construción da prevención é cuestión dun equipo de xente e somos moitas as persoas que traballamos neste ámbito”, á vez que destacou tamén o traballo desenvolvido neste eido polo profesor da Universidade da Coruña José Palacios, tamén galardoado na área de seguridade acuática.

Con cinco categorías, as de educación, fitness, terapia, rendemento e seguridade acuáticas, Aidea impulsou estes premios Referente co obxectivo de “dar a coñecer os expertos a nivel internacional” neste ámbito, así como o seu labor nos ámbitos da investigación e da transferencia do coñecemento á sociedade, como se explicou neste acto. Para obter este recoñecemento, as e os investigadores deben ter cando menos un índice h superior a 20 en Google Scholar, contar cun mínimo de cinco artigos científicos ou capítulos de libros que superen as 20 citas, ter dirixido cando menos dúas teses de doutoramento e ter sido convidado a impartir un mínimo de dez relatorios en congresos sobre estas temáticas. 

Dar visibilidade a un problema de saúde pública

Alén de supór un recoñecemento ao traballo que o grupo Remoss desenvolve desde hai anos “no campo científico e no campo social” en cuestións como a prevención dos afogamentos, Barcala puxo de relevo o positivo deste tipo de iniciativas á hora de dar visibilidade a un "problema de saúde pública”, que causa cada ano a morte de 400 persoas en España, lembrou. “Nos últimos anos, estanse empezando a visualizar problemas que estaban aí, pero que non tiñan a relevancia que merecían. Hoxe en día empézase a tomar consciencia da importancia que ten a prevención do afogamento, ou a saúde mental, que eran cuestións esquecidas pero que realmente xeran problemas serios de saúde pública”, salienta o docente e investigador, que lembra que, no conxunto de España, preto de 2000 persoas son atendidas cada ano polos servizos de emerxencias por “problemas relacionados coa auga e isto é dramático”. 

Neste punto, o investigador pon o foco na importancia que ten a prevención e como a investigación científica pode axudar nesta tarefa, lembrando neste senso como un estudo recentemente publicado polo grupo Remoss sinalaba ás principais causas de afogamento de nenos e adolescentes en Galicia, tras analizar os datos dos incidentes rexistrados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao longo de 15 anos.

Guía da OMS

Neste labor de prevención, Barcala foi tamén neste 2022 un dos 18 revisores da guía Preventing drowning, da Organización Mundial da Saúde (OMS), un documento que compila un conxunto de recomendacións en materia de seguridade na auga, rescate, reanimación e ensinanza das actividades acuáticas. “A OMS soe facer cada certo tempo recomendacións sobre a prevención do afogamento e nesta ocasión tiven a sorte de participar como revisor, achegando un pouco a experiencia acumulada destes anos”, sinala Barcala, que é tamén profesor da materia de socorrismo acuático que o Grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte incorporaba no curso 2020/2021.