DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de traballos está aberto ata o vindeiro venres 28 de maio

AtlanTTic celebra o Día Internacional das Nenas nas TIC cun certame de fotografía e vídeo

De cada 1000 mulleres con titulación universitaria na UE, só 29 se gradúan en carreiras deste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Cultura
M. Del Río DUVI 21/04/2021

Segundo o Foro Económico Mundial, tan só o 6% dos CEO da industria tecnolóxica son mulleres e nos consellos directivos das empresas de todo o mundo as mulleres representan tan só un 19% dos cargos. Denunciar e loitar contra esta fenda de xénero no mundo tecnolóxico son os obxectivos do Día Internacional das Nenas nas TIC, unha data que se conmemora dende hai xusto 10 anos cada cuarto xoves do mes de abril. O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, súmase a esta conmemoración cun certame de fotografía e vídeo curto para reivindicar o rol das nenas e das mulleres no mundo das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. 

Con este concurso o centro de investigación únese á multitude de actividades que se organizan baixo a iniciativa internacional #GirlsinICT, orientada a espertar o interese das nenas por ámbitos relacionados coas TIC e que este ano celebra xa o seu décimo aniversario. 

Desde atlanTTic convidan á cidadanía en xeral a participar neste certame para conseguir amosar coas súas creacións artísticas a presenza feminina no ámbito científico, na enxeñaría e nas TIC. O obxectivo é fomentar e alentar as vocacións das nenas cara disciplinas STEM e contribuír deste xeito á eliminación da fenda de xénero neste sector. E é que os datos amosan que aínda quedo moito por facer neste eido, xa que na Unión Europea de cada 1000 mulleres con titulación universitaria, só 29 se gradúan en algunha carreira relacionada coas TIC e, delas, só 4 terminan nun posto de traballo relacionados coas novas tecnoloxías de información e comunicación.

Presentación de traballos ata o 28 de maio

O certame conta con dúas modalidades, fotografía e vídeo curto. As fotografías admitiranse obras en branco e negro ou en cor e realizadas mediante calquera técnica dixital (cámara fotográfica, móbil…). En canto aos vídeos curtos, a única condición é que teñan unha duración máxima de 1 minuto. 

Tanto as fotografías como os vídeos deberán ser obras orixinais e inéditas, non publicadas con anterioridade noutro medio e realizadas con calquera técnica dixital. Cada persoa poderá concorrer cunha única proposta, pero pode facelo en ambas modalidades, seguindo as indicacións recollidas nas bases do certame dispoñibles en atlanttic.uvigo.es/gal/certame-dia-internacional-nenas-tic.

O prazo para entregar propostas permanecerá aberto ata o 28 de maio ás 14.00 horas e outorgarase un premio económico de 70 € ao mellor traballo en cada unha das modalidades. 

As pezas gañadoras serán seleccionadas por un xurado que valorará a capacidade de crear obras orixinais, artísticas, creativas e con amplo significado, e tamén terán en conta o interese e a adecuación á temática proposta pola organización. As obras gañadoras serán anunciadas a través da páxina web do centro (atlanttic.uvigo.es) o 4 de xuño de 2021.