DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un foro estable de diálogo co que identificar retos e promover a transferencia

atlanTTic crea un consello asesor con cinco grandes empresas tecnolóxicas

Integrado, inicialmente, por Fujitsu, Grupo GMV, Grupo Oesía, Indra, Oracle e Telefónica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI 13/03/2026

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebrou este venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación o acto de presentación do seu novo comité asesor empresarial, bautizado como Business Advisory Board (BAB), un novo órgano consultivo orientado a fortalecer o diálogo entre a investigación universitaria e o tecido empresarial, aliñando así as capacidades científicas do centro cos retos da industria TIC.

A sesión reuniu a numerosos representantes do ámbito académico, empresarial e institucional nun primeiro encontro destinado a definir as prioridades estratéxicas de colaboración entre o centro e as cinco empresas que integran, inicialmente, este novo consello asesor: Fujitsu, Grupo GMV, Grupo Oesía, Indra, Oracle e Telefónica.

A apertura institucional correu a cargo do director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, e o director do Campus Vigo Tecnolóxico, Daniel Villanueva, quen aproveitou este acto para pór en valor a figura de atlanTTic como punta de lanza da estratexia tecnolóxica da UVigo e destacar o potencial de iniciativas como este novo comité asesor nun contexto xeral de constante achegamento entre ciencia e empresa.

Pola súa banda, Martín Llamas destacou que atlanTTic, consolidado como un dos 10 centros de excelencia da rede Cigus, acadou unha masa crítica e un nivel de excelencia e capacidade de tracción que fan necesario continuar estreitando lazos co tecido industrial, agradecendo a colaboración das entidades participantes neste primeiro xerme do seu comité asesor empresarial, personalizando o agradecemento en Enrique Rivero Jiménez, responsable de estratexia de GMV; José Luis Albo López, responsable en Galicia de Indra Group e TeleCom; María Graña Varela e Pascual García Zornoza, directora de Innovación e director xeral da Fundación do grupo Oesía; Jesús Peón López, consultor sénior de Oracle; e Rafael Moya Fernández, director de enxeñaría, transformación de rede e infraestruturas de Telefónica.

“Esta alianza é un win-win”

Segundo explicou o subdirector de atlanTTic, Luis Modesto Álvarez Sabucedo, “esta alianza é un win-win: as empresas actúan como un faro tecnolóxico que guía e reforza a posición de atlanTTic en proxectos de investigación e desenvolvemento tanto europeos como nacionais. O capital humano e a conexión entre os diferentes axentes son fundamentais para que os proxectos avancen”. Álvarez Sabucedo avanzou, ademais, que a primeira reunión formal deste BAB terá lugar na sede do grupo Oesía, en Porto do Molle (Nigrán).

Durante a xornada presentouse a visión actual de atlanTTic, un centro de referencia que reúne a máis de 200 profesionais da investigación e da innovación tecnolóxica e que se ten consolidado como un dos motores científicos e tecnolóxicos da Universidade de Vigo. A súa actividade abrangue, tal e como se explicou durante a xornada, ámbitos clave para o futuro da economía dixital, como as redes de comunicacións 5G e 6G, os sistemas aeroespaciais e de defensa, as tecnoloxías cuánticas, a fotónica integrada, a ciberseguridade ou os servizos dixitais avanzados, incluíndo solucións para a saúde dixital. 

Neste contexto, o novo Business Advisory Board preséntase como un foro estable de diálogo e asesoramento estratéxico que permitirá aliñar as capacidades científicas do centro cos retos e necesidades da industria. 

Un espazo para orientar a estratexia e impulsar a transferencia 

Durante a sesión celebrouse unha primeira dinámica de traballo orientada a construír a axenda estratéxica inicial do Business Advisory Board, na que as persoas participantes compartiron reflexións sobre os principais desafíos tecnolóxicos e oportunidades de colaboración entre o ámbito académico e o empresarial.  A xornada incluíu ademais, un espazo de diálogo entre os membros do novo comité asesor e o persoal investigador de atlanTTic, no que se exploraron posibles liñas de cooperación futura e se presentaron as diferentes capacidades científicas e tecnolóxicas do centro. Este intercambio permitiu identificar oportunidades para o desenvolvemento de proxectos colaborativos, iniciativas de innovación aberta e novas vías de transferencia tecnolóxica, consolidando así unha relación máis estreita entre universidade e empresa. 

A vicerreitora de Internacionalización, María Isabel del Pozo Triviño, foi a encargada de pechar a xornada, destacando que este novo consello asesor contribuirá a reforzar o papel de atlanTTic como referente en innovación tecnolóxica e como ponte entre a excelencia científica da Universidade de Vigo e o tecido empresarial. ‘As empresas teñen ese know-how, pero non teñen a investigación que temos as universidades. Precisamos das empresas, pero as empresas tamén precisan de nós. Centros como atlanTTic, xogan un papel estratéxico e reforzar a conexión entre o coñecemento e o tecido productivo’, concluiu.