DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle unha mostra de fotografías de Manuel Valcárcel

A auga, o sangue da terra

Nela realiza unha viaxe polo seu ciclo, polo planeta e pola súa sostibilidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Ourense 23/03/2023

Desde este mércores e ata o 14 de abril, o campus de Ourense acolle a exposición Auga. O sangue da terra, un proxecto de Manuel Valcárcel para Afundación Obra Social de Abanca. Nela, o fotógrafo realiza unha viaxe polo planeta, polo ciclo da auga e pola súa sostibilidade.

Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, destacou na súa visita á mostra, que está situada na planta baixa do Politécnico, o feito de que se celebra coincidindo coa conmemoración esta semana do Día Mundial da Auga.  A vicerreitora agradeceu a Abanca e Afundación o feito de expor esta mostra nun campus coma o de Ourense que, indicou, basea a súa especialización neste recurso co seu proxecto Campus Auga.

Do mesmo xeito, Beatriz Fernández, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, salientou como “esta exposición ten sobre todo un aspecto didáctico, de concienciar sobre a importancia da auga na vida e no planeta. Son fotos moi plásticas pero o importante desta mostra é o fondo, pór de relevo a importancia da auga, do coidado do medio ambiente e da sostibilidade”. Por último, Mateo Alonso, coordinador en Ourense de Banca Institucional en Abanca, destacou como “desde Abanca sempre estamos encantados de poder apoiar a Afundación en todas as exposicións, neste caso na Universidade, o que é un motivo de satisfacción para nós”.    

Deixar de crer que a auga é un recurso inesgotable

Auga, o sangue da terra, explican desde a súa organización, “é unha exposición fotográfica que se enmarca no camiño da sostibilidade e que ten como obxectivo fundamental concienciar a poboación sobre a importancia do uso racional e responsable da auga”. O fotografo Manuel Valcarcel, detallan, viaxou a algúns dos recunchos máis remotos do planeta (como á illa sur de Nova Zelandia, ao val do Ganxes, na India, ás plantacións de arroz na China, ao río Nixer, en Mali, ou ao deserto de Atacama, en Chile, así como ao val do río Lor, en Galicia) para “captar imaxes de lugares onde a presenza ou a ausencia da auga condicionaron culturas, ecosistemas e paisaxes”.

Segundo sinalan desde a organización da mostra, Manuel Valcárcel transmite nestas imaxes unha mensaxe clara ás e aos visitantes da mostra: “A auga, elemento vital ao que lle quixen render esta humilde homenaxe en comparación co que representa, parte de todo o que somos e todo o que crea. Elemento vital que debe ser motivo de unión e xamais de discordia. Elemento que debernos coidar e protexer porque marcará o devir das xeracións vindeiras, porque quen somos os seres humanos para crernos por enriba da nai natureza, que escultura existe tan fermosa coma, por exemplo a elaborada pola auga na praia das Catedrais na costa lucense, ou que viaxe máis simple e á vez máis trepidante ca a dunha folla cando cae ao río deixándose arrastrar pola súa corrente ata que chega ao mar?”.

Na contextualización da exposición, faise fincapé en que “a cantidade de auga que existe no noso planeta é sempre a mesma. Non cambia. Pode atoparse en estado líquido, sólido ou gasoso, pero nin aumenta nin diminúe co paso do tempo. Non hai fugas cara ao espazo como se dunha billa estelar mal pechada se tratase. Pola contra, a poboación mundial non deixa de aumentar ano tras ano co que a auga como recurso vital é cada vez menor por habitante, de xeito especial naquelas zonas nas que a súa presenza é moi escasa”. O anterior supón, engaden desde a organización da mostra, “que os habitantes da Terra, tanto os que viven en rexións húmidas coma aqueles que o fan en zonas áridas, deben mudar os hábitos de consumo, deixar de crer que a auga é un recurso inesgotable que, dunha forma ou outra, sempre vai estar presente en calquera territorio. Cómpre cambiar o modelo actual e facelo sostible no tempo".