DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os guionistas Araceli Gonda e Pepe Coira abriron a décima Máster Class Audiovisual Galego

Augal afonda na xénese de ‘Hierro’ e en como a “televisión cambiou radicalmente”

Nun coloquio que abordou os cambios xerados polas plataformas de contidos audiovisuais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/05/2021

Recoñecida con premios como o Ondas, o Feroz ou o Mestre Mateo, a serie da produtora galega Portocabo Hierro comezou a xestarse sete anos antes de que en 2019 Movistar+ estrease a súa primeira tempada. “Empezamos a darlle voltas ao proxecto no ano 2012 e nese tempo o panorama da televisión cambiou radicalmente, do contrario, a serie non existiría”, recoñecía o seu creador e guionista Pepe Coira, que xunto a Araceli Gonda protagonizou este martes a primeira sesión da décima edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal. Coordinada polos profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Augal ten como obxectivo achegar o estudantado da facultade á realidade do sector audiovisual, neste caso a través dun monográfico sobre esta serie que achegará nestes días ao campus boa parte do seu equipo técnico.

Baixo o título de Deconstruíndo Hierro e coas súas preto de 50 prazas cubertas, Augal 2021 arrancou este martes cunha sesión centrada na elaboración dun guión, tomando como base a “experiencia moi longa e bastante complexa” que supuxo o desenvolvemento desta serie, como recoñeceu Coira, que abordou xunto a Gonda tanto a ideación e desenvolvemento desta produción, como a posterior preparación da súa segunda tempada, que viu a luz o pasado mes de febreiro. “A serie atopou o seu terreo cando unha plataforma apostou por ela”, recoñeceu Coira deste proxecto impulsado por Movistar+ e a canle francesa Arte, xunto coas produtoras Portocabo e Atlantic. Nese senso, este guionista e produtor recoñeceu  que o xurdimento das diferentes plataformas de distribución de contidos audiovisuais mudou “absolutamente” o panorama da ficción televisiva. “Antes era algo moi acoutado, polo que é unha magnífica noticia que agora se poidan facer series de moitas clases”, recoñeceu. 

Do mesmo xeito, o feito de preparar unha serie para unha plataforma mudou tamén o propio proceso de ideación e desenvolvemento. “Nunha serie como esta, na que sempre entendemos que cada tempada é autosuficiente, naquilo que pensas é en contar unha historia”, recoñeceu Coira, en contraposición a unha produción televisiva tradicional, na que búscase “establecer un xogo que se poida xogar moitas veces”. Nese senso, recoñeceu que, aínda que en calquera dos casos, o traballo de desenvolvemento dun guión é o mesmo, "á hora de pensalas e deseñalas, falamos de deportes completamente distintos". Nesa mesma liña, Gonda, guionista da recentemente estreada Cuñados, puxo o acento en que a serie dirixida por Jorge Coira, naceu coa idea de "contar o que queríamos contar", de tal xeito que "nunca se condicionou a historia para deixala aberta a unha segunda tempada".

Contar o que queres contar

Partindo da experiencia de Hierro, pola que obtiveron os premios Mestre Mateo, Iris e Alma ao mellor guión, os conferenciantes afondaron nas características do traballo de “construír unha película”, como o definiu Coira, en cuxa traxectoria como guionista figuran series como Mareas Vivas. Neste proceso, Gonda destacou a importancia de desenvolver “a historia que realmente queiras contar, sen pensar en se tes máis ou menos posibilidades de vendela”, así como na necesidade de “non obsesionarse” con que a produción final “vaia ser o que tes na cabeza”. Nese senso, Gonda lembrou ao alumnado que os guionistas constitúen “a primeira parte dun proceso no que vai entrar outra moita xente e na que o resultado final está fora do teu control”. 

Da producir nunha illa á banda sonora

Tras este coloquio, Augal continúa este mércores cunha sesión que abrirá a directora de produción de Hierro e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Marta Míguez, que afondará as dificultades que implicou levar a cabo esta produción nunha illa e nun contexto de pandemia. Pechará a xornada o axudante de dirección de Hierro, Diego Méndez, que porá o foco na rodaxe da serie. 

Xa o martes 18, Augal centrarase na música e na posprodución de Hierro, da man dos compositores Elba Fernández e Xabi Font e o editor Gaspar Broullón. Ao día seguinte, a décima edición desta Máster Class Audiovisual Galego celebrará a súa sesión de clausura, na que o produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco, Fosco, impartirá un relatorio titulado Desde o desenvolvemento á estrea