DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves ábrese a inscrición nesta actividade para o vindeiro curso

A Aula de Música Tradicional busca avanzar na consolidación dun grupo estable

Na matrícula terán preferencia as e os participantes en anteriores edicións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 13/07/2022

O pasado mes de xuño, a Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus levaba a cabo un ciclo de actuacións en diferentes prazas de Pontevedra, co que buscaban achegar á cidadanía os resultados dunha actividade formativa que, desde hai cinco cursos, permite tanto á comunidade universitaria como o conxunto da cidadanía iniciarse ou perfeccionar o seu manexo de diferentes instrumentos populares galegos. Co obxectivo precisamente de consolidar o grupo de música tradicional impulsado ao abeiro desta aula, a actividade promovida pola Vicerreitoría do campus abre este xoves a súa inscrición para o curso 2022-2023. 

Co músico Suso Vaamonde como docente, a aula retomará a súa actividade o 5 de setembro e contará cun total de 40 prazas, permanecendo aberta ata o 31 de agosto, na plataforma Campus Activo, a matrícula para o primeiro bloque do próximo curso, que se estenderá ata o 30 de xaneiro de 2023. Segundo recolle a resolución reitoral pola que se aproba a organización deste obradoiro, coa idea de “darlle estabilidade ao grupo”, terá preferencia na matrícula o alumnado que xa participou nas edicións previas. As restantes prazas asignaranse, en primeiro termo, aos e ás integrantes da comunidade universitaria e, en segundo lugar, ao resto de persoas interesadas. 

Con clases semanais, nas tardes dos luns, na Escola de Enxeñaría Forestal, esta actividade terá un custo de 26 euros para os membros da comunidade universitaria e de 40 para o público xeral en cada un dos seus dous bloques, o que se estenderá ata o 30 de xaneiro e o que irá do 6 de febreiro ao 9 de xuño. En conxunto, serán 180 horas de formación dirixidos tanto a “consolidar” un grupo musical “formado, principalmente, pola comunidade universitaria e cualificado para facer actuacións de diversa índole”, como a dar continuidade á aprendizaxe dos diferentes instrumentos, promovendo tanto á mellora no manexo daqueles nos que xa viñan formándose as e os participantes como “a aproximación a outros novos”. Así mesmo, entre os obxectivos da actividade, segundo recolle a convocatoria, figura tamén a “captación de novo alumnado para aumentar e enriquecer as posibilidades deste proxecto musical”.  

Un grupo con tres formatos

Nese obxectivo de consolidarse como grupo musical, o programa do curso abrangue o traballo cos dous formatos cos que xa conta esta agrupación. Por un lado, o grupo de gaitas e percusión, que orientará o seu traballo principalmente á “proxección pública, pois búscase fomentar a súa actuación en celebracións do ámbito universitario e extrauniversitario”. Por outra banda, traballarase tamén na consolidación do grupo de zanfonas, mentres que un terceiro bloque do programa pon o foco tanto en integrar outros instrumentos a ambos grupos como en “consolidar un terceiro que xa está en marcha”, e que estará dedicado a percusión miúda, acordeóns e ocarinas.