DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dada a situación xerada pola covid-19, as clases dividiranse en pequenos grupos

A Aula de Música Tradicional retorna centrándose no traballo persoal co instrumento

Desde este luns, permanece aberta a inscrición nesta actividade para toda a cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/09/2020

Desde 2017, o campus conta cunha Aula Permanente de Música Tradicional Galega que permite iniciarse ou mellorar o dominio de diferentes instrumentos populares galegos. Promovida pola Vicerreitoría do campus e aberta tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, a aula retomará a súa actividade o luns 19 de outubro cunha serie de cambios organizativos motivados pola crise sanitaria. “Este ano, o primeiro criterio é a seguridade, polo que imos darlle prioridade ao ensaio e á formación persoal co instrumento neste primeiro cuadrimestre”, salienta o gaiteiro Suso Vaamonde, profesor dunha actividade que desde este luns mantén aberta a súa inscrición na plataforma Campus Activo.

Con clases semanais na Escola de Enxeñaría Forestal, en anteriores edicións esta actividade combinaba o traballo con diferentes grupos de instrumentos cun bloque no que as e os participantes interpretaban conxuntamente unha serie de pezas, que, por razóns sanitarias, non forma parte da programación desta nova edición. “Limitamos a matrícula a un instrumento por persoa, xa que ata agora podían participar na aprendizaxe de varios, e imos traballar con grupos de máximo sete alumnos por hora”, sinala Vaamonde. Ao longo de cada sesión, o alumnado irá participando na aula en grupos divididos por instrumento e nivel de dominio, o que permitirá así garantir unha distancia interpersoal que, “será de mínimo tres metros” no caso dos instrumentos de vento.

Deste xeito, cada xornada dividirase en cinco clases dunha hora para os grupos de gaitas, percusión, zanfonas, acordeóns ou frautas, requintas e ocarinas, aínda que a organización final dependerá, como apunta Vaamonde, dos instrumentos polos que se decida o alumnado. Con 36 prazas, das que boa parte cubríronse xa nas primeiras horas de inscrición, esta aula reúne de feito cada curso “un grupo humano extraordinario e moi heteroxéneo”, integrado tanto por profesorado, persoal de administración e alumnado do campus como por persoas alleas á comunidade universitaria, dos que "aproximadamente un terzo" repiten presenza desde o primeiro dos obradoiros de interpretación de instrumentos populares aos que se deu continuidade con esta aula.

O paso previo á creación dun grupo estable no campus

Se a evolución da situación sanitaria o permite, estes meses dirixidos a reforzar o dominio de cada instrumento concíbense tamén como un paso previo para, xa no segundo cuadrimestre, “ir conxuntando o que fomos preparando previamente neses grupos tan reducidos” e poder levar a cabo “unha selección dos mellor cualificados para formar un grupo universitario de música popular”. O obxectivo é que poida constituírse un “grupo estable” no campus, o que á súa vez tamén pode “funcionar un pouco como motivación” para os alumnos e alumnas de cara a perfeccionar o seu manexo do instrumento nestes meses, explica Vaamonde, quen profesor de música tradicional no Igaem, na Agadic ou no Centro Coreográfico Galego, ademais de contar cunha ampla traxectoria como músico en formacións como Vaamonde, Lamas & Romero, Luva Verde, Lelia Doura ou Cantata Vernácula.