DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abriu na praza da Verdura un ciclo de concertos que continúa cada luns de xuño

A Aula Permanente de Música Tradicional inicia o seu percorrido pola cidade

Esta semana continúa tamén a programación da XIV Miteu

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 06/06/2023

Muíñeiras, xotas, mazurcas, pasodobres e polcas soaron na tarde deste luns na pontevedresa praza da Verdura, espazo no que a Aula Permanente de Música Tradicional Galega abría o ciclo de actuacións no espazo público que desenvolve ao longo do mes de xuño. Dirixido a achegar á cidadanía os resultados da actividade formativa que a Vicerreitoría do campus promove desde hai seis cursos, esta primeira actuación tivo como protagonistas ás preto de 30 persoas que integran o grupo de gaitas e percusión desta aula. Co músico Suso Vaamonde como responsable, trátase dunha actividade formativa aberta á participación e toda a cidadanía, que permite iniciarse ou perfeccionar coñecementos no manexo de diferentes instrumentos populares.

Os avances neste eido das 44 persoas que participaron no presente curso nesta actividade fixeron posible a posta en marcha dun grupo estable de música tradicional no campus que, tras participar en diferentes actuacións dentro e fóra da Universidade, neste mes de xuño protagoniza unha serie de concertos en diferentes prazas da cidade. Programados todos eles para as 20.30 horas e impulsado coa colaboración do Concello, este ciclo arrancou na tarde deste luns na Verdura e trasladarase o día 12 á praza do Teucro, onde o grupo de gaitas e percusión estará acompañado en varias pezas polo coro sénior do campus de Vigo e polo novo grupo de baile tradicional do campus, xurdido do obradoiro de iniciación impulsado no presente curso por primeira vez. Á semana seguinte, a actuación trasládase á praza da Ferraría, onde estarán acompañados polo Grupo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela. Finalmente, este ciclo pecharase o día 26, no último luns de xuño, cun concerto na praza de España protagonizado pola aula ao completo, tanto con gaitas e percusión como con acordeóns, zanfonas, ocarinas e frautíns,e no que participarán tamén outras seis agrupacións. Concretamente, sumaranse a esta actuación a Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, a asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, a agrupación folclórica Tequexetéldere da Estrada, a Escola Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes, a asociación cultural A Fuliada de Betanzos e o grupo folclórico Hai que Roelo de Cuntis.

Últimas citas co teatro universitario

O inicio deste ciclo de actuacións súmase nesta semana ás últimas funcións da XIV Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Pontevedra, que a Vicerreitoría promove tamén coa colaboración do Concello. Tras as actuacións da aula do campus de Vigo e o grupo Cordelia de Ourense, o ciclo pechou a súa súa primeira semana co espectáculo Intermitencias, realizado polos integrantes da aula teatral do campus pontevedrés, baixo a dirección de Salvador del Río. Esta semana a programación continúa no Teatro Principal o xoves 8, ás 21.00 horas, con As cidades agochadas, un espectáculo do grupo Maricastaña do campus ourensán dirixido por Fernando Dacosta. Ao día seguinte, a Miteu botará o peche con Roleta Mortis, a cargo do alumnado da Universidade do Minho, baixo a dirección de Ricardo Pinho.