DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son un grupo de 11 voluntarios e voluntarias dos tres campus

A Axenda 2030 conta con 11 novos ‘Axentes do Cambio’ na UVigo

Arrancaron as actividades este martes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 28/02/2023

Tras varios meses de formación, a Universidade conta cun grupo de 11 novos e novas activistas e divulgadores da Axenda 2030, 11 estudantes encargados de informar e concienciar á comunidade universitaria da importancia de mudar os seus hábitos cara outros máis sustentables cos que contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Este martes arrancou unha nova edición do programa de voluntariado Axentes do Cambio, impulsado pola Área de Equidade e Diversidade. Fíxoo cunha primeira campaña informativa na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo, punto de arranque de toda unha serie de actividades que se levarán a cabo, tanto de xeito presencial como virtual, nos tres campus desde febreiro ata xuño.

Este novo equipo de voluntarios e voluntarias -seis homes e cinco mulleres-, está formado por estudantes dos tres campus. Son un equipo moi multidisciplinar, no que se inclúen persoas matriculadas nos graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos, Relacións Internacionais, Ciencias Ambientais, Educación Infantil, Comercio e Dirección e Xestión, así como tamén estudantes de mestrado. A maior parte participaron no curso sobre Axenda 2030 e sustentabilidade que se impartiu no primeiro cuadrimestre e a todos lles apetecía arrancar xa coas actividades propias dos ‘axentes do cambio’. 

Miguel Rouco, estudante de Dirección e Xestión Pública, é un dos estudantes que participou hoxe na iniciativa, xunto con Raquel Gómez e Eva López, da cooperativa Somos Terra. “Gústame o voluntariado en xeral e esta era unha boa oportunidade para pór en práctica o aprendido”, explica o alumno, quen considera que se trata, sobre todo, “de ir concienciándonos, pouco a pouco, das pequenas actividades do día a día que axudan de maneira clara á consecución destes obxectivos, desde reducir os desprazamentos pola cidade, ata segregar os residuos, ou reutilizar cada vez máis”. 

Encontros divulgativos moi lúdicos

“As campañas presencias, como a realizada hoxe en Vigo, son encontros divulgativos moi lúdicos, pensados para que as persoas que se acheguen coñezan a Axenda 2030 e os ODS mediante dinámicas participativas e concursos”, explica a responsable da Área de Equidade e Diversidade, Henar Quintas, quen subliña que este ano gañarán protagonismo as actividades en redes sociais, sobre todo en Instagram.

A primeira edición do programa Axentes do Cambio tivo lugar a principios de 2020. “A segunda realizouse en 2021 totalmente en liña por mor da pandemia e  a partires de 2022 o voluntariado combina a presencialidade e a virtualidade”, apunta Quintas, quen valora “moi positivamente” a mestura entre o activismo presencial e o virtual. “Cremos que segue a ser precisa a formación e información en materia de Axenda 2030 e, ano a ano, podemos comprobar que o alumnado ten interese en todos estes temas e cada vez son máis  os que presentan o seu Traballo Fin de Grao ou Traballo Fin de Mestrado en materias relacionadas cos ODS e Axenda 2030”. 

Próxima cita: luns 6 no campus de Ourense

A seguinte mesa informativa dos Axentes do Cambio será o luns 6 de marzo entre o Edificio de Ferro e a Facultade de Ciencias, no campus de Ourense.