DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades promovidas pola delegación de estudantes continúan mércores e xoves

Belas Artes abre os actos de San Ero cun mercado que reúne as creacións do alumnado 

Para o xoves programáronse diferentes actuacións musicais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/05/2022

Desde ilustracións e obra gráfica, a camisetas, pendentes ou obxectos decorativos reúnense este martes no mercado organizado pola Delegación de Alumnado da Facultade de Belas Artes na primeira das actividades que promoven con motivo da conmemoración este xoves, do patrón do centro, San Ero. “Sempre é un día especial, é un momento de xuntanza cos compañeiros case a final do curso”, recoñece a representante da delegación Natalia Brandariz dunha conmemoración para a que promoveron diferentes actividades que se desenvolven entre este martes e este xoves no patio interior da facultade.

Nesta primeira xornada, Belas Artes acolle ata ás seis da tarde un pequeno mercado no que tanto estudantes como titulados e tituladas exhiben e poñen á venda as súas creacións. “Como tivemos moitas solicitudes, decidimos organizalo en dous días”, aclara Brandariz dunha iniciativa que continúa mañá, entre as 11.00 e ás 18.00 horas, coa instalación doutra decena de postos diferentes aos deste martes. Tamén mañá mércores terá lugar a primeira fase dun concurso de debuxo, que se desenvolverá no espazo que antigamente ocupaba a cafetaría en horario de 11.30 a 12.30 e de 17.30 a 18.30 horas. Esta actividade completarase o propio xoves coa final, na que o gañador ou gañadora terá como premio un agasallo doado por Enmarcaciones Torrado.

O xoves será así mesmo o día de celebración do patrón, para o que están programadas unha serie de actuacións musicais no patio, a partir das 12.00 horas, que correrán a cargo de Noemia Veiga, Junn, Dalsi, More Amore, Riquinha dj, Baby Romeo e Djow13. Xunto ás e os integrantes da delegación, estudantes de diferentes cursos participan na organización dun evento que, como explican, terá este ano como temática a década do 2000, convidándose aos e ás asistentes a acudir o xoves vestidos seguindo a estética daqueles anos.