A sala O Abrigo reúne as obras de neve estudantes da Universidad de Castilla-La Mancha
Belas Artes acolle unha exposición saída dunha maleta
A facultade colabora tamén coa creación dun mural no patio do IES Sánchez-Cantón
Dentro de una maleta é o título da nova exposición da sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, na que se presentan as creacións de nove estudantes da Universidad de Castilla-La Mancha (UCLM). Esta proposta ten como comisario a Manuel Balsas, egresado do centro do campus pontevedrés, que no presente curso realizaba un mestrado na Facultad de Bellas Artes de Cuenca, do que retornou cunha maleta que reunía un conxunto de obras realizadas por varias e varias dos seus compañeiros de máster. “É unha mostra relacionada cos que volvemos e queremos traer algo de fóra”, sinala Balsas, que explica que a idea desta exposición era achegar á facultade “outras formas de pensar, de sentir e de aproximarse aos problemas da práctica artística”.
De feito, esta mostra colectiva reúne un conxunto de obras diversas, de artistas que tiñan un “espazo en común” no Mestrado en Investigación en Prácticas Artísticas e Visuais da UCLM, e a súa selección viu precisamente condicionada polo feito de que “todas as obras tiñan que entrar dentro dunha maleta”. Nese senso, o punto de partida da exposición é unha acción que busca compartir as creacións do estudantado doutra universidade cunha facultade da que, recoñece, “non sinto que me teña desvinculado”. Ao mesmo tempo, engade Balsas, o resultado final permite tamén “retratar os problemas de precariedade aos que nos enfrontamos os que queremos dedicarnos á arte”.
Partindo deste condicionante, Dentro de una maleta reúne pezas como o instrumento tecido con auriculares de Laura Budia, os cadros de Toni Serrano e os debuxos de Marta Moya, xunto coas cianotipias de Ivette Veles ou as pezas de carácter máis escultórico de María González Redondo e Ángel Raquidiam. Tamén hai lugar para o achegamento as videocreacións de Jhonson Ogando e Colectivo Craneal e para unha peza bordada Leandra Adela Muñoz. Trátase, como sinala Balsas, de obras que “exploran un abanico de temas que van desde o trauma, ata a paisaxe, pasando polo costumismo, a tecnoloxía e os corpos non normativos”.
Inaugurada na tarde deste luns no espazo que xestiona o colectivo artístico Lupercais, Dentro de unha maleta poderá visitarse na sala O Abrigo ata o 30 de maio.
Un mural no patio do Sánchez-Cantón
Alén desta exposición, a Facultade de Belas Artes colabora, a través do seu Vicedecanato de Cultura, na convocatoria dun concurso por parte do IES Sánchez-Cantón, dirixido á realización dun mural na parede exterior do patio deste centro. Trátase dunha superficie de aproximadamente 60 metros cadrados, que instituto e facultade buscan transformar a través dunha convocatoria dirixida tanto a estudantado, egresados e egresadas de Belas Artes, como a artistas en xeral.
Como recolle esta convocatoria, o mural poderá ser “abstracto ou figurativo, xeométrico e xestual” e as e os participantes poderán ter en conta nas súas propostas factores como “a contorna arquitectónica, a presenza próxima do río Gafos, a historia do barrio e do instituto” ou a idea do patio “coma espazo de encontro, diversidade, xogo e interacción física”. O prazo de presentación de propostas permanece aberto ata o 15 de xuño e deberá realizarse a través do correo electrónico ies.sanchez.canton@uvigo.gal, incluíndo tanto un bocexo a escala do mural proposto como un breve texto explicativo dos seus aspectos técnicos, estilísticos e temáticos. Un xurado composto por docentes do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo e do instituto encargarase de decidir a persoa gañadora, que recibirá uns honorarios de 1200 euros e deberá desenvolver a súa intervención no mes de xullo. Os custos da produción do mural, ata un máximo de 300 euros, serán cubertos pola organización.