DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido polo profesor Ignacio Pérez-Jofre e impartido pola egresada Gloria Alonso

Belas Artes acolle un obradoiro dirixido a explorar técnicas de gravado respectuosas co medio ambiente

Baseadas no uso de placas de fotopolímero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 12/01/2022

O uso de materiais nocivos e contaminantes, como ácidos e disolventes, nos procesos tradicionais de traballo na produción de gravados fan especialmente interesante a exploración de alternativas menos tóxicas, como as técnicas de fotogravado con placas de fotopolímero que esta semana centran un taller en Belas Artes. Inserido na programación de obradoiros de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre, trátase dun obradoiro dirixido polo profesor Ignacio Pérez-Jofre, que ten como docente principal á egresada da facultade residente en Berlín Gloria Alonso, que compaxina o seu traballo como artista coa dirección do taller de gravado Künstlerhaus Bethanien.

Coas súas dez prazas cubertas, maioritariamente por docentes ou profesionais do sector artístico, o obradoiro Gravado non tóxico: fotogravado con Solarplates ten como obxectivos principais “xerar interese” por este método de gravado “menos tóxico e máis respectuoso co medio ambiente”, así como dotar as e os participantes dos coñecementos necesarios “para poder traballar esta técnica de forma autónoma”, como salientan os seus responsables. “A verdade é que o obradoiro tivo unha resposta moi positiva, o que amosa que hai unha necesidade”, salienta Alonso, que recoñece á súa vez “a honra” que lle supón retornar á facultade para impartir un taller “no que participan ademais profesores que me deron a min clases de gravado”, o que á súa vez permitirá, lembra, que logo difundan entre o alumnado “esta idea do gravado non tóxico”.  

Posibilidades estéticas e ambientais

Como explica Alonso, o traballo con estas placas de fotopolímero fai posible preparar as matrices dos gravados “expoñéndoas a unha luz ultravioleta”, sen necesidade de ácidos ou disvolventes. “Para os gravados de toda a vida usábanse lacas, betume, acetona..., polo que a xente que traballamos cada día no taller levamos tempo investigando con materiais menos tóxicos para os nosos pulmóns e tamén para o medio ambiente”, sinala Alonso, quen ao mesmo tempo pon o acento nas posibilidades estéticas deste proceso de traballo.

“Desde o punto de vista plástico, esta técnica permítenos conseguir imaxes tratadas dixitalmente, desde fotocopias, debuxos, colaxes ou imaxes fotográficas, cunha fina escala de grises”, engade. Trátase dun método de produción de imaxes para a súa estampación calcográfica que permite “conseguir uns resultados visual e artisticamente” moi similares aos dun gravado tradicional é que á súa vez serve tamén, engade, como “unha ponte entre o dixital e o manual”, permitindo desde traballos baseados do debuxo ata procesos que teñen como punto de partida imaxes dixitais.

Nese senso, Alonso recoñece que se trata dunha formación “moi práctica”, que busca combinar a posta en común cos proxectos persoais de cada participante. “Dependendo do que cada un estea á procura, vanse conseguir uns ou outros resultados”, recoñece a docente principal dun obradoiro que busca servir tamén como unha experiencia de aprendizaxe colectiva. Nese senso, o taller arrancou este luns cunha introdución a esta técnica para logo comezar xa “a facer probas”, centradas na xeración de matrices, tanto a partires de arquivos dixitais como de debuxos ou fotocopias, para posteriormente afondar tamén no proceso de insolación e revelado das placas e o estampado final das obras.